Destacados Vigo al minuto

Verdegaia denuncia o estado de abandono da Estación de Autobuses de Vigo

“A xestión é unha falta de respecto ás usuarias do bus interurbano”

Estación autobuses Vigo

A próxima entrada en funcionamento da estación intermodal de Urzáiz “non xustifica o abandono ao que está sometido a actual estación de autobuses de Vigo dende hai varios anos”, sinalan dende a Asocaciación Verdegaia.

Sen cadeiras para sentarse

Os pasaxeiros teñen que sentarse nas escaleiras de acceso á plataforma porque a totalidade das cadeiras foron retiradas. Aínda que “ultimamente o ascensor ten funcionado correctamente, suponse polo tanto que unha persoa maior ou con mobilidade reducida tamén debe esperar polo bus sentada nas escaleiras”.

A simple entrada na estación xa resulta “tétrica”, con todas as billeteiras pechadas, e os poucos comercios que había que foron pechando “ata chegar ao punto que o único que sigue aberto é a casa de apostas. O que podería dar lugar a un interesante debate, engaden dende a asociación, “visto que unha porcentaxe significativa dos poucos pasaxeiros que usan esta estación son menores que estudan nos centros escolares máis próximos”.

Pantallas informativas apagadas

As pantallas de información que nunca funcionaron de todo ben simplemente deixaron de funcionar. Polo que para obter información dos horarios é necesario ir ás billeteiras, esas que están todas pechadas pero que aínda teñen os horarios pegados no cristal, fica a dúvida se estarán actualizados… A outra opción é acudir ao posto de información onde un conserxe vai informando aos pasaxeiros que preguntan por algún horario en concreto.

Aínda que esta estación será historia en poucos meses, “esperemos que a nefasta experiencia que supuxo ao longo dos seus 30 anos de funcionamento sirva de lección”.

Nova estación intermodal de Urzáiz

A xuízo de Verdegaia, “o investimento millonario e a pomposidade da pré-inauguración da Estación intermodal de Urzáiz non serán suficientes para que funcione correctamente”. Os seus responsabeis cree que é necesario que as administracións se poñan de acordo e tomen medidas para que o transporte colectivo sexa realmente competitivo en relación ao coche, para o cal é preciso:

Mellorar as frecuencias

minimizar o tempo entre os servizos, o éxito do metropolitano nas grandes urbes fundaméntase na oferta de frecuencias que permite ás usuarias despreocuparse dos horarios porque o tempo de espera é mínimo;

Coordinar horarios

do transporte interurbano e urbano para minimizar tempos de espera e así promover a intermodalidade;

Crear bonos para viaxeiros habituais

de modo que viaxar en bus/tren deixe de ser máis caro que viaxar en coche1;

Poñer a funcionar unha tarxeta de transporte metropolitano

Xunta e Concello deberían chegar a un acordo para establecer unha área metropolitana que permita ás usuarias planificar os transportes de inicio a fin nun único sistema, permitindo o transbordo entre autobuses urbanos e interurbanos;

Coordinar as prestacións dos buses interurbanos cos buses urbanos

de modo a que as diferentes concesionarias non se miren como competidoras pero si como complementarias para que todas gañen (por exemplo permitindo que os interurbanos teñan paradas ao longa da cidade);

Intermodalidade coa bicicleta

a nova estación debería incluír un parque de estacionamento seguro para bicicletas, así como unha estación de alugueiro;

Accesibilidade para bicicletas e peóns

na nova estación debería primarse os accesos peonís e en bicicleta. Hoxe vense moi dificultados pola obriga de cruzar todo un centro comercial tomando varios ascensores para pagar o billete e acceder ás plataformas do tren.

También te puede interesar