RGPD - Cookies
Cultura Vigo al día

Vigo retoma o ciclo ‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’

Aborda a discapacidade e a inclusión a través de dúas películas protagonizadas por dous homes que tiveron un ictus

Ciclo Cine Vigo

FEGADACE retoma este mes en Vigo, en colaboración con Alento, o ciclo ‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’, no que se abordan os temas da discapacidade e da inclusión a través de dúas películas protagonizadas por dous homes que tiveron un ictus. O ciclo vaise desenvolver tamén nas cidades de Lugo e Ourense.

O escenario das proxeccións vai ser a Sala de Conferencias de Afundación, na rúa Policarpo Sanz, 26, e as datas os martes 23 e 30 de novembro. A asistencia é aberta e gratuíta, pero cómpre inscribirse enviando un correo a [email protected].

Cada pase vai estar precedido do vídeo O mundo púxose ao revés, elaborado por FEGADACE e o ilustrador Miguel Gallardo, e remata cunha sesión de debate sobre a relación entre a película e o tratamento que fai do dano cerebral. Nas películas seleccionadas veranse aspectos como a rehabilitación, o illamento, os cambios que produce o dano cerebral na persoa e no contorno.

Dous filmes sobre un ictus e un traumatismo cranioencefálico

Fálame de ti (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018, 100 m. VOSE) está protagonizada por Alain, un home de negocios respectado e un orador brillante. Na súa vida non hai lugar para o lecer ou a familia. Un día, sofre un derrame cerebral que estraga a súa brillante carreira profesional e cáusalle problemas profundos de fala e memoria. Na súa rehabilitación recibe o apoio de Jeanne, unha moza logopeda. Grazas ao arduo traballo e a paciencia, Jeanne e Alain chegarán a coñecerse e cada un, á súa maneira, tratará de reconstruírse e empezar unha nova vida. Este filme poderá verse o 23 de novembro ás 18:30.

A escafandra e a bolboreta (Le scaphandre et le papillon. Julian Schnabel, 2007, 112 m. VOSE). En 1985 á idade de 43 anos, Jean-Dominique Bauby, carismático redactor xefe da revista francesa Elle, tivo un ictus. Saíu do coma 20 días máis tarde vítima da «síndrome de cativerio», pola que queda totalmente paralizado, non podendo moverse, comer, falar nin respirar sen asistencia. A súa mente funciona, pero é prisioneiro do seu propio corpo, sendo só capaz de comunicarse co exterior mediante o parpadeo do seu ollo esquerdo. Forzado a adaptarse a esta única perspectiva, Baudy crea un novo mundo a partir das únicas dúas cousas sen paralizar: a súa imaxinación e a súa memoria. Verase o 30 de novembro ás 18:30.

También te puede interesar