Cultura

Autocine en Baiona…xa podes descargar as entradas

Podes ver a película “La boda de Rosa”, de Icíar Bollaín

Autocine alucine

O vindeiro sábado 13 de novembro, ás 19:30 h en Chan da Lagoa., proxectarase en autocine “La boda de Rosa”. Trátase dun filme de 2020 que amosa as complicacións que conleva un cambio de vida. Baixo a dirección de Icíar Bollaín e coa interpretación de Candela Peña, Sergi López e Nathalie Poza, entre outros, a película narra a crise existencial que atravesa Rosa.

A piques de cumprir 45 anos , a protagonista decide emprender un negocio propio e romper con todo o que estivo facendo ata entón. Pronto descubrirá que a súa familia ten outros plans. “La Boda de Rosa” cultivou numerosos galardóns nos Premios Goya, Premios Forqué, Premios Feroz ou no Festival de Málaga.

Unha pantalla de 150 metros cadrados

Este autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, unha das máis grandes instaladas no noroeste peninsular. O acceso de vehículos ao recinto iniciarase ás 18:30 h. O  autocine permitirá oír desde o coche a película, xa que será na propia radio do turismo desde onde se sintonizará a frecuencia, que se facilitará á entrada do recinto. Os coches iranse colocando en diferentes posicións segundo a orde de chegada.

Capacidade para 100 vehículos

Na sesión de cinema de tarde do próximo sábado 13 de novembro, haberá persoal de acomodo para dar información e facilitar o estacionamento. Terá unha capacidade para 100 vehículos. Trátase dunha actividade que, ademais, incorpora a perspectiva de xénero.

Descarga de entradas

Aquelas persoas interesadas en desfrutar da película poden descargar as entradas gratuítas a través do enlace do calendario da páxina web do Concello de Baiona: www.baiona.gal/calendario ou en www.autocine.gal

A actividade é subvencionada pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña dúas do Plan Concellos 2021. Colaboran na organización da iniciativa a Comunidade de Montes de Baíña e Protección Civil do Val Miñor.

También te puede interesar