Galicia

A alcaldesa de Tomiño presenta a Feijóo os proxectos de futuro do Concello

Entre eles o polígono agroforestal ou a ampliación do IES Antón Alonso Ríos

A alcaldesa de Tomiño e o presidente da Xunta

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mantivo unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para comentar os principais proxectos no Concello, como a iniciativa da posta en marcha dun polígono agroforestal.

Este proxecto, enmarcado ao amparo da Lei de recuperación da terra e que se situaría na zona da parcelaria dos Panascos, dedicaríase á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, dous dos sectores produtivos máis destacados do municipio.

Primeira entrevista en 14 anos de goberno de Feijóo

A alcaldesa agradeceu que o presidente a recibira -por primeira vez nos 14 anos de goberno- e aproveitou para convidalo a visitar Tomiño e coñecer de primeira man a problemática dos sectores produtivos, agradecendo poder comentar con el ademais, importantes proxectos como a ampliación do IES Antón Alonso Ríos, con máis de 600 alumnos na actualidade e situado nun municipio cun crecemento poboacional permanente.

Parque de lecer transfronterizo

Outro dos proxectos importantes para Tomiño e toda a comarca dos que falou a alcaldesa, para pedir o apoio da Xunta de Galicia, foi o do futuro parque de lecer transfronteirizo que inclúe a construción dunha pasarela peonil entre Goián e Vila Nova de Cerveira; proxecto que pola súa envergadura, non será posible sen a axuda dos Estados Español e Portugués -este último xa avanzou o seu apoio-, así como do goberno autonómico. Neste sentido, a rexedora reclamou a disposición de fondos europeos do programa Next Generation.

Situación Sanitaria

Durante o encontro, ambos mandatarios tamén abordaron a situación sanitaria. Sobre ese punto e ante a preocupación da alcaldesa pola espera na primaria, o presidente da Xunta trasladoulle que a administración galega está a traballar para paliar a falta de profesionais na atención primaria.

También te puede interesar