Sin sección

Ponteareas impulsa unha campaña para combater acoso escolar

Abrangue accións nas aulas e nas redes sociais

O Concello de Ponteareas ten aberta unha enquisa en liña coa que recoller datos que permitan ter unha idea o máis aproximada posíbel da incidencia desta problemática nos centros escolares da vila.

Para o Goberno local non hai dúbida que o acoso escolar é un problema que foi en aumento nos últimos anos pero que en moitas ocasións permanece oculto. Para combatelo, impulsa unha campaña de formación e información con diferentes accións para sensibilizar sobre o bullying nas aulas e nas redes sociais contando coa opinión das persoas que máis expostas están a sufrilo, o alumnado.

Enquisa

Por este motivo, a Concellería de Benestar Social vén de poñer en marcha unha enquisa en liña dirixida a nenos, nenas e adolescentes para recoller datos de primeira man sobre o acoso escolar e ter unha idea o máis aproximada posíbel da incidencia real desta problemática entre o alumnado ponteareán.

“Por desgraza o bullying é unha palabra que está de moda polos innumerábeis casos de persecución e de agresións físicas, verbais, psicolóxicas e sociais que se están a detectar nos centros e institutos e que están a levar a moitos escolares a vivir situacións verdadeiramente aterradoras das que moitas veces non saben como saír. Queremos saber como o viven eles e elas directamente e estudar formas de afrontalo, previlo e evitalo”, explica a edil, Verónica Carrera.

A enquisa está pensada para alumnado de 4º de Primaria en adiante. Os resultados completarán ás achegas que se fagan no pleno infantil de Ponteareas que se celebrará este mes de novembro, no que se abordará esta temática e que permitirá contar con información previa para a posta en marcha de medidas máis axustadas á realidade.

Pleno infantil

Esta temática tamén foi tratada no pleno infantil do pasado mes de xullo, no que participaron seis centros educativos de infantil, primaria e secundaria do municipio e no que se abordaron cuestións como a importancia de denunciar as situacións de agresión, tanto propias como alleas, ou o acoso escolar a través das redes. “Temos que agradecer todo o traballo que está a facer o alumnado para mellorar a realidade nos nosos centros escolares, porque sen a súa implicación accións como estas non serían posibles”, salienta a concelleira.

También te puede interesar