Comarcas Vigo al minuto

A Deputación abre este martes a inscrición para a ruta de ‘Voando nas Rías Baixas’ pola ensenada de San Simón

Será o 14 de novembro

A Deputación de Pontevedra abre este martes, 2 de novembro, o prazo de inscrición para a penúltima das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife.

Ensenada de San Simón

O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 14 de novembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Enseada de San Simón, nos concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa.

Ofértanse 20 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na web
https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas.

A Enseada de San Simón, situada no máis profundo da ría de Vigo e espazo protexido pola Rede Natura 2000, conta cun espazo intermareal propicio para a invernada e paso migratorio no outono e primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos. Xunto ao parrulo asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outras especies como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real, a garza real, a garzota común, gaivotas, corvos mariños e picapeixes.

Guías de SEO Birdlife

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar.

Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta penúltima ruta, a derradeira terá lugar o 19 de decembro cando se pechará a cuarta edición de “Voando nas Rías Baixas” coa camiñada polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e a Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse a partir do 7 de decembro.

También te puede interesar