RGPD - Cookies
Destacados Vigo al día

Amnistía Internacional concéntranse en Vigo para reclamar a redistribución do excedente de vacinas contra a Covid-19

Seguen a morrer miles de persoas en países pobres mentres os países ricos acumulan máis vacinas

Amnistía Internacional en Vigo

Activistas de Amnistía Internacional en Vigo concentráronse este venres fronte ao Centro de Saúde do Casco Vello para reclamar aos membros do G20 a redistribución do excedente de vacinas que posúen, co gallo da cumbre anual que se celebra esta fin de semana en Roma, e onde a crise sanitaria global será un dos temas centrais.

“Os  principais  fabricantes  occidentais  de  vacinas  beneficiaron  a  un  pequeno número  de  países  ricos  ao  tempo  que  bloqueaban  a  posibilidade  de  que  outros  fabricantes produciran as súas  propias  vacinas.  Esta  situación  deu  lugar  a  unha  previsible e  artificial escasez de  vacinas  para  o  resto  do  mundo”, declarou Manuel Martínez, voceiro de Amnistía Internacional.

Excedente de 500 millóns de vacinas contra a COVID

Estímase que a UE, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, Xapón e China teñen agora mesmo un excedente de máis de 500 millóns de doses de vacinas. Ademáis, prevese que no mundo se produzan máis de 5.000 millóns de vacinas entre setembro e decembro de 2021. Así, a organización pola defensa dos de dereitos humanos lanzaba hai unhas semanas unha campaña para tratar de conseguir que cheguen aos países de ingresos baixos 2.000 millóns de vacinas antes de que finalice o ano.

“Esiximos aos Estados e ás empresas farmacéuticas que entreguen 2.000 millóns de vacinas a quen máis o necesita, empezando xa mesmo, para conseguir que se alcance o obxectivo da Organización Mundial da Saúde de vacinar ao 40% da poboación dos países de ingresos baixos y baixos-medios antes de que finalice o ano.” declarou Manuel Martínez.

Cando os líderes do G20 se reuniron en 2020, 1,5 millóns de persoas morreran a causa da Covid-19. Desde entón, perdéronse outros 3,5 millóns de vidas, mentres que moitos membros do G20 seguen a acumular millóns de doses excedentes.

Decenas de miles de mortos cada semana

“Decenas de miles de persoas morren cada semana, mentres moitos países reteñen excedentes de vacinas que non están a usar. É unha crise de dereitos humanos sen precedentes que debe terminar xa.”, declaraba Manuel Martínez
A ONG realizou un intenso traballo durante os últimos meses centrado tanto no papel das farmacéuticas como dos Estados no acceso ás vacinas por parte da poboación.

Amnistía Internacional solicita que as empresas farmacéuticas garantan que ao menos o 50% das vacinas que se produzan se destinen a paises de ingresos baixos e medio-baixos; que os Estados resdistribúan con urxencia o exceso de centos de millóns de vacinas sobrantes que acumulan, e que tanto Estados coma farmacéuticas tomen as medidas necesarias para apoiar a transferencia de coñecementos e tecnoloxía a fabricantes locais para incrementar a subministración global de vacinas.

«Egoismo e avaricia»

Desde que se administrou a primeira vacina contra a Covid-19 o pasado mes de decembro morreron 3,5 millóns de persoas máis en todo o mundo a causa do virus. «O grao de egoísmo e avaricia que reflexan estas mortes é infinito. Mentres que os índices de vacinación nos países do G20 están en torno ao 63%, nos países con ingresos baixos e medio-baixos só puideron vacinarse o 10% da poboación. Qué fixeron estes países no último ano, se non acaparar e contribuir activamente á escasez de vacinas xunto coas grandes farmacéuticas? Os millóns de mortes reflexan un escalofriante desprezo pola vida humana, unha alarmante aceptación moral de que os beneficios se antepóñen ás vidas, e un abandono descarado das súas obrigas internacionais.”

Ademáis, Amnistía Internacional lanzou na súa web, www.es.amnesty.org, unha ciberacción para esixir ás farmacéuticas BioNTech, Johnson & Johnson, Moderna e Pfizer que poñan fin á desigualdade vacunal e salven xa millóns de vidas.

También te puede interesar