A Deputación de Pontevedra dálle á benvida á fin de semana máis tenebrosa e misteriosa do ano cunha oferta cultural na que o teatro será o protagonista indiscutible.
Desde este venres 29 ao domingo 31 de outubro, os concellos de Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Moaña acollerán un total de seis actividades teatrais inseridas nos programas provinciais “Visitas teatralizadas de Samaín”, “Visitas caracterizadas” e “Tornar as Táboas”. A proposta de lecer do ente provincial conta con accións dirixidas a todos os públicos.
‘Visitas teatralizadas de Samaín’
As “Visitas teatralizadas de Samaín” ao Castelo de Soutomaior confórmanse como unha atractiva opción turística e de lecer para festexar esta data. A Deputación, coincidindo con esta celebración tan sinalada no calendario, puxo en marcha este ano a primeira edición de dous percorridos cargados de enigmas para coñecer o lado máis terrorífico da fortaleza.
Familias e nenos poderán gozar de xogos e probas nas que o “Alemanote”, a pantasma do Castelo, estará moi presente; e os adultos/as disporán dunha proposta en horario nocturno protagonizada por personaxes do máis alá. As
dirixidas ao público familiar, cuxas entradas xa se esgotaron, terán lugar o domingo 31, e contarán con dous pases, un ás 12.00 e outro ás 16.30.
Pola súa banda, as visitas para adultos/as celebraranse este venres 29, ás 20.00. Tamén no Castelo de Soutomaior, o sábado 30 ás 11.00, estarán dispoñibles as “Visitas caracterizadas”, a perfecta oportunidade para percorrer e coñecer os detalles máis cobizados da fortaleza e parque botánico da man de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria (representadas pola agrupación Aguias). Aínda poden adquirirse ás últimas entradas para ambas actividades no portal web do Castelo.
‘Tornar ás taboas’
Amais, a institución provincial reafirma o seu interese de achegar as artes escénicas aos seus concellos co programa “Tornar as táboas”, que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a cargo de 35 compañías diferentes.
Esta fin de semana contará con tres novas funcións. O venres 29, ás 10.00, Viravolta Títeres ofrecerá o seu espectáculo “Barriga verde” en Portas; e o domingo 31 será a quenda de Amorodio Teatro con “Reino de extinción” ás 19.00 en Caldas de Reis e de Pérez y Fernández con “Os nenos da varíola” ás 19.30 en Moaña.