Comarcas

Mondariz inaugura en novembro o segundo ciclo de cinema ‘Con ollos de muller’

Contará coa presenza da directora Paula Cons

Ciclo Con Ollos de Muller

O Concello de Mondariz intensifica en novembro a súa programación cultural, cun ciclo de cinema protagonizado por mulleres.

‘Con ollos de muller’

O ciclo “Con ollos de muller”, que arrancara o ano pasado, empezará o venres, 5 de novembro, con “Figuras ocultas” (Theodore Melfi, 2016), e rematará o 26 de novembro co filme “Moxie” (Amy Poehler, 2021).

Como colofón, o sábado 27 de novembro proxectarase a película “A illa das mentiras” (Paula Cons, 2020), coa presenza da directora e dunha das actrices protagonistas para un coloquio final co público.

25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

“O 25 de novembro é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, están programadas actividades promoven a conciencia social sobre as desigualdades de xénero e as violencias relacionadas. Por iso, ademais deste ciclo de cinema, organizaremos un escape room para a mocidade que leva por nome Rexeita o maltrato“, explica Anxos Carballo, concelleira de Igualdade.

Programa do ciclo de cinema

Venres, 5 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Figuras ocultas” (Theodore Melfi, 2016). Nomeado aos premios BAFTA e Oscar. Conta a historia real das científicas afroamericanas que traballaron na NASA na década de 1960, en plena carreira espacial e a loita social polos dereitos civís das persoas de raza negra en Estados Unidos.

Venres, 12 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Una cuestión de género” (Mimi Leder, 2018). Película estadounidense baseado na vida de Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller que chegou a ser maxistrada do Tribunal Supremo de Estados Unidos.

Venres, 19 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Criadas y señoras (Tate Taylor, 2011). Filme estadounidense que nos leva ao Mississippi da década de 1960, onde unha moza soña con ser escritora e documenta a memoria persoal de mulleres negras que pasaron a vida ao servizo de grandes familias, sufrindo todo tipo de discriminación racial.

– Venres, 26 de novembro de 2021 (21:00 horas): “Moxie” (Amy Poehler, 2021). Cinta norteamericana que conta a historia dunha rapaza que, farta do ambiente sexista e tóxico do centro educativo onde estuda, decide publicar unha revista de xeito anónimo que provoca todo tipo de reaccións no seu entorno.

– Sábado, 27 de novembro de 2021 (21:00 horas): “A illa das mentiras” (Paula Cons, 2020). Filme galego que narra a historia das mulleres que axudaron no rescate do buque ‘Santa Isabel ‘no ano 1921 fronte ás contas da illa de Sálvora. A proxección contará coa presenza da directora, a galega Paula Cons, e unha das actrices protagonistas, Victoria Teijeiro.

Un auditorio municipal polivalente convertido en sala de cinema

As proxeccións terán lugar no auditorio municipal, con capacidade para máis de cen persoas e un equipamento audiovisual que permite visionados de calidade cinematográfica.

A entrada a estes eventos será libre e gratuíta até completar a cabida permitida, sen necesidade de inscrición previa. As portas abriranse 30 minutos antes de cada proxección.

También te puede interesar