RGPD - Cookies
Comarcas

Salceda aposta pola mellora da rede viaria no rural

O Concello rematou as obras da estrada que une Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María

Obras en Salceda

O Concello de Salceda de Caselas ven de rematar as obras de mellora da estrada que une os barrios de Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María, coordinadas pola Concellaría de Vías e obras que dirixe a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira. O proxecto conta cun orzamento de 45.112,43 €, dos cales 37.283 € son financiados polo Agader a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, e o resto con fondos propios do Concello.

Asfaltado, accesos e traidas

Procedeuse ao asfaltado dos dous tramos da estrada que se atopaban en peores condicións, e aproveitouse tamén para acondicionar a entrada ao Centro Cultural de Castro Barreiro, así como o acceso ao barrio da Retorta. Tamén durante as obras se solucionaron problemas de deterioro das tubaxes de regadío, e a traída de augas veciñal aproveitou para cambiar un treito da súa rede, aforrando deste xeito o custo que lles suporía a apertura e peche da estrada.

Neste caso trátase dunha estrada moi empregada pola veciñanza dos barrios Barreiro e Feira, polo que o equipo de goberno considerou esta como unha boa proposta para incluír na subvención deste ano.

Para Loli Castiñeira, concelleira de Vías e Obras, con estas obras, «defendemos o rural e centramos os nosos esforzos en ofrecerlles unhas insfraestruturas e uns servizos completos que impulsen o asentamento de poboación nas nosas parroquias. Por sorte en Salceda é moita a poboación moza que escolle o rural como lugar de residencia, e dende o Concello seguiremos a realizar os esforzos precisos para seguir con esta tendencia».

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, aseguróu que «coa ampliación, acondicionamento e conservación da rede de camiños municipais o Goberno local pretende seguir mellorando servizos fundamentais para a veciñanza do noso rural»

También te puede interesar