RGPD - Cookies
Destacados Vigo al día

Marea de Vigo asegura que Caballero so executou o 14% do orzamento de 2021

Só están gastados 15 dos 106 millóns previstos este ano en inversións

Caballero Vigo

Marea de Vigo afirma que a información publicada polos medios de comunicación sobre as intencións de investimentos do Goberno de Abel Caballero para o ano 2022 son «unha operación de fogos de artificio bastante delirante». «Proba disto – sinala Rubén Pérez – é a inexecución dos orzamentos deste ano 2021, no que figuraban máis de 106 millóns de euros de investimentos, dos cales, a data de 30 de setembro apenas hai executados 15, é dicir, o 14% do total».

O Grupo municipal cualifica ademais como «unha falla de criterio democrático» que a información «que debe ser cando menos coñecida por todos os grupos municipais» sexa remitida aos medios de comunicación antes que ao conxunto da Corporación Local, «nun momento ademais no que debería comezar a preparación da aprobación dos orzamentos para o vindeiro ano» apunta Rubén Pérez, voceiro municipal.

Os investimentos de 2022 «veñen do non executado este 2021»

Marea de Vigo incide en que antes de anunciar os investimentos do ano que ven «a veciñanza debería saber que eses 42 millóns de euros de investimentos que foron anunciados no día de onte, veñen do que non se executou este ano – afirma Rubén Pérez -. É bastante ridículo que se estean anunciando coma grandes investimentos para o ano 2022 elementos que xa figuran nos orzamentos de este ano e están aínda sen executar: O paseo de Bouzas, o acceso de Vialia, investimentos en Balaídos….actuacións encaixadas nos orzamentos do ano 2021, incluso utilizando remanentes que formaban parte dos ‘aforros’ do concello, tendo xustificado ese uso co momento de crise sanitaria e económica».

Para Marea de Vigo, o que está facendo o Goberno de Abel Caballero é «vender o mesmo producto varias veces aos veciñas e veciños de Vigo». A pregunta que debe ser respostada antes de decembro, segundo a Marea de Vigo, é «se estes máis de 100 millóns de euros, dun orzamento que resultou ser ao final de máis de 362 millóns, van ser executados antes de que acabe o ano».

Case todo o orzamento de 2021 sen executar

Fronte a esta realidade, o que hai é un anuncio de investimentos para o ano que ven, «que deberia preocuparnos menos cando temos practicamente todo o orzamento do ano 2021 sen executar» suliña Pérez. Datos «terribles» que amosan a «incapacidade manifesta de execución orzamentaria deste Goberno local» matiza.

Marea de Vigo insiste en que Abel Caballero non se pode culpar á oposición ou a calquera asunto de índole político «tendo unha maioria absoluta que permite levar adiante este orzamento» explica o voceiro. «No ano 2021, que tiña que ter sido un ano de reconstrución económica, faltou iniciativa política e decisións importantes por parte do Goberno de Abel Caballero para ter completado eses orzamentos. O que pase no 2022 é secundario mentres non se resolva o que pasa cos orzamentos do 2021» conclúe.

Para o alcalde o nivel de execución é do 100%

Abel Caballero asegura que o nivel de execución das inversións é do 100% en Vigo. Esa foi a resposta cando os xornalistas preguntaron sobre este tema. «Acabamos todas as obras…o nivel de execución na cidade é do 100%», repetiu o alcalde, «todo se fai ou coñecedes algunha obra que non se teña acabado?«, repreguntou aos informadores.

«A proba do nivel de execución son 1.000 rùas humanizadas, rampas, escaleiras mecánicas…execútase todo», subliñou Caballero.

Resposta do alcalde sobre o nivel de execución do orzamento

También te puede interesar