Galicia Vigo al minuto

A Comunidade de Montes de Tameiga crea un viveiro de empresas no polígono de Monte Faquiña

Están en marcha dous novos proxectos empresariais relacionados coa alimentación

Comunidade de Montes de Tameiga

A Comunidade de Montes de Tameiga quere fomentar as iniciativas emprendedoras da veciñanza da parroquia. Para acadar isto, constituiu un viveiro de empresas radicado nunha das grandes instalacións industriais do polígono Monte Faquiña. Nestas instalacións ofreceranse unhas condicións especiais para que estos proxectos empresariais veciñais poidan madurar. Espazo a medida, aluguer reducido e até electricidade a baixo custo grazas as plantas fotovoltaicas instaladas pola comunidade de montes nos tellados de varias naves industriais.

Importantes inversións e postos de traballo

Este proxecto será presentado e explicado con detalle na nova xuntanza do “Comité Consultivo de Monte Faquiña” que se celebrará este venres 29 de outubro no auditorio do centro social As Pedriñas en Tameiga. O comité consultivo está formado por representantes das empresas aloxadas no polígono, da veciñanza de Tameiga e das administracións local e provincial e ten como obxectivo recoller as propostas para mellorar o polígono e adecualo ás necesidades tanto das empresas usuarias sen prexuizo da calidade de vida da veciñanza aledaña.

Ademais desde a Comunidade de Montes de Tameiga anuncian que hai dúas novas empresas relacionadas coa alimentación instaladas no polígono industrial de Monte Faquiña e que ambos proxectos industriais conlevarán importantes inversións e a creación de postos de traballo.

A taxa máis alta de ocupación e actividade

Sinalan que nestes momentos acadouse a taxa máis alta de ocupación e actividade na historia do polígono de Monte Faquiña. Aínda así dende a xunta reitora da comunidade indican que seguen traballando para acadar unha ocupación total do polígono e obter así o máximo rendimento, xa que lembran os rendimentos deste polígono redundan nunha maior obra social e cultural da comunidade.

“Estamos en contacto con dúas grandes empresas para que se instalen no parque industrial de Monte Faquiña e agardamos pronto frutifiquen as negociacións. Hai máis peticións para instalarse no noso polígono, pero buscamos empresas que non impliquen unha perda da calidade de vida da veciñanza porque xeren excesivo tráfico pesado ou contaminación” explica César Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.

También te puede interesar