Ciencia y Tecnología Galicia

A Xunta discrepa co estudo sobre o abstecemento de auga a Vigo

Nega a necesidade dun trasvase desde a bacía do río Verdugo ata o río Oitavén

El Concello do Vigo exige a Porriño el pago de cerca de 6 millones por el suministro de agua

A Xunta solicita que o Goberno de España declare como actuacións de Interese Xeral do Estado as obras
necesarias para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participaron onte na xuntanza da comisión de seguimento do estudo de alternativas de abastecemento de auga na zona sur da provincia de Pontevedra, xunto coa Confederación Hidrográfica de Miño-Sil e o Concello de Vigo.

A Xunta, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil asinaron no ano 2019 un acordo para a realización dese estudo, que foi cofinanciado polas tres administracións e contratado polo organismo de bacía estatal.

Na xuntanza de hoxe acordouse dar por finalizados os traballos de análise das alternativas e comezar a tramitación ambiental do conxunto de actuacións da solución finalmente sinalada como a máis conveniente.

Discrepancia co estudo

Os representantes de Augas de Galicia trasladaron o seu desacordo con certos aspectos, tales como o incremento da demanda potencial estimado ou os cálculos sobre as achegas de auga previstas para o período de referencia.

En canto ás solucións previstas na alternativa sinalada como idónea nas conclusións do estudo, a directora de Augas de Galicia reiterou a disconformidade da Xunta coa necesidade de acometer un trasvase de auga desde a bacía do río Verdugo ata o río Oitavén. Ao seu xuízo, “a dispoñibilidade de auga na bacía do río Verdugo é moi limitada e xa presenta na actualidade problemas de escaseza, polo que este trasvase non permitiría resolver os problemas de abastecemento de Vigo en ningún escenario posible de escaseza, tal e como queda acreditado en diferentes apartados do propio estudo”.

A ‘potabilizadora do Casal’ o “problema máis urxente”

Doutra banda, o estudo realizado “acredita sobradamente”, segundo Augas de Galicia, que “a Xunta estaba no certo cando sinalaba de forma reiterada ao longo dos últimos anos que os problemas da potabilizadora municipal do Casal, en Vigo, como o problema máis urxente do abastecemento de auga”.

Dada a magnitude e a complexidade das solucións previstas no estudo: bombeo desde o río Miño ao encoro de Zamáns; nova presa augas arriba no río Oitavén; duplicación do túnel de Amoedo e conexión entre Nigrán e Gondomar mediante condución de gravidade, a Xunta considera imprescindible a declaración de Interese Xeral do Estado.

Con isto, o Goberno galego está a solicitar “que se aplique en Vigo o mesmo procedemento adoptado para os abastecementos de auga de Lugo, Pontevedra e Ourense, declarados no seu día de Interese Xeral do Estado”.

También te puede interesar