Destacados Vigo al minuto

Éxito rotundo na inauguración en Vigo da primeira feira vegana de Galicia

5.000 visitantes acudiron a Ifevi este sábado

Éxito rotundo na inauguración en Vigo da primeira feira vegana de Galicia

Vegana 2021, a Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia, abriu as súas portas este sábado en Vigo superando as previsións de participación e asistencia. E é que máis de 120 expositores e 5.000 visitantes acudiron a esta cita que funciona como punto de encontro entre todo tipo de persoas comprometidas cun xeito de vida máis sostible.

Ás 10 h. da mañá tivo lugar unha breve presentación a cargo das organizadoras do evento e Ana M.ª Mejías Sacaluga, concelleira de I+D e Dinamización Administrativa do Concello de Vigo, e Deputada pola provincia de Pontevedra de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial.  Mejías salientou a aposta da feira por propiciar un consumo máis sostible. Así mesmo, subliñou a necesidade de facer un uso correcto e eficiente dos recursos naturais para camiñar cara a un desenvolvemento sostible a nivel económico, social e ambiental.

Degustacións, food trucks, moda, artesanía o cosmética

Os eidos representados na feira por expositores de todo o estado, así como de Portugal, inclúen alimentación (con degustacións e food trucks nos que probar pratos irresistibles para os padais máis esixentes), cosmética, moda e calzado, artesanía e todo tipo de servizos veganos e sostibles.

O evento complétase cunha programación que abrangue desde actividades infantís como clases de cociña, obradoiros de sostibilidade contacontos e todo tipo de xogos, ata actividades como showcookings charlas, concertos e debates dirixidas ao público adulto.

 A segunda e derradeira xornada de Vegana 2021 está en marcha domingo no IFEVI de Vigo en horario ininterrompido de 10 h. a 20 h. Xa pechada a adquisión anticipada de entradas, estas poden ser adquiridas no mesmo IFEVI a un prezo de 5 € para o público xeral. A entrada é gratuíta para menores de 12 anos, maiores de 65, persoas en situación de desemprego e persoas con diversidade funcional.

También te puede interesar