Cultura Vigo al minuto

A Xunta licita por 1 millón de euros a rehabilitación integral do IES San Tomé de Freixeiro

As obras empezarán nun mes

IES San Tomé Freixeiro Vigo

A delegada da Xunta en Vigo visitou hoxe o IES San Tomé de Freixeiro que a partir do vindeiro mes de novembro, segundo a data adiantada pola representante autonómica, someterase a unha rehabilitación integral por importe de 1 millón de euros.

Esta intervención que ven de ser licitada, en palabras de Fernández-Tapias, suporá unha importante mellora desde o punto de vista enerxético, e ten como obxectivo dar resposta ás problemáticas que viñan suscitando as súas instalacións.

Carpintería, aseos, illamento, calefacción e seguridade

Para resolvelas, está previsto mudar toda a carpintería exterior e o sistema de impermeabilización, mellorar o illamento e acometer diferentes traballos de reparación. Asemade, contémplase a renovación das caldeiras de calefacción, do saneamento e ventilación do soto e a instalación de novos sistemas de seguridade contra incendios. Xa por último, adaptaranse os aseos das plantas 1 e 3 para persoas con mobilidade reducida e instalarase unha soleira baixo o escenario do salón de actos.

A delegada apuntou que “Vigo é a cidade con maior investimento educativo de Galicia, máis de 25 millóns de euros desde 2009″, e explicou que esta intervención enmárcase no paquete de 13 actuacións que a Xunta está a licitar na área por importe de 7,2 millóns de euros.

Ademáis, engadiu, os orzamentos autonómicos para 2022 recollen os 1,2 millóns de euros comprometidos para a anunciada reforma integral do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Asemade, detallou, recóllese unha partida específica de 150.000 euros para a redacción de tres proxectos de ampliación nos CIFP Manuel Antonio, CIFP Valentin Andrade e o IES de Navia. Respecto a este último centro, Fernández-Tapias, recordou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantense á espera de que o Concello de Vigo poña a disposición os terreos necesarios para a construción da que, dixo, “será a grande obra en materia educativa na cidade nesta lexislatura”.

Por último, a delegada avanzou que este ano remátanse ou recíbense outras tres obras en centros da zona, por importe de máis de 1,5 millóns de euros, entre elas a rehabilitación integral do IES Santa Irene, as cubertas do instituto Castelao ou a ampliación do IES de Salvaterra de Miño.

También te puede interesar