Destacados Vigo al minuto

O Servizo de Pneumoloxía público de Vigo, acada a excelencia en Epoc e Alfa-1 Antitripsina

Atende a 1.500 pacientes de Epoc e 100 máis na unidade especializada Alfa-1

As Unidades de Epoc e de  Alfa-1 Antitripsina do Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo acaban de ser acreditadas coa máxima certificación de calidade que concede a SEPAR (Sociedad Española de Neumología  y Cirugía Torácica).

Atención coas máximas garantías

Esta acreditación está considerada como o maior recoñecemento para a atención destas patoloxías en España, e sitúa ás Unidades do Chuvi como referentes a nivel rexional e internacional, valorando a calidade asistencial, docente e investigadora desenvolta polos seus profesionais.

Segundo afirma o xefe de servizo de Pneumoloxía, o doutor Alberto Fernández Villar «estamos moi satisfeitos xa que apesar da pandemia conseguimos que ambas Unidades mantiveran a súa actividade e os seus proxectos de investigación e innovación, que con toda a traxectoria previa é o que valida SEPAR con este certificado de excelencia».

Para as responsables de ambas Unidades, as pneumólogas Cristina Represas (Epoc) e María Torres (Alfa-1), a obtención destas acreditacións «recoñece que prestamos unha atención coas maiores garantías e co máximo nivel de dispoñibilidade e accesibilidade. Supón unha validación do noso labor e do traballo en equipo e colaborativo realizado con outros servizos hospitalarios, e sobre todo coa Atención Primaria».

1500 pacientes anuais na Unidade de EPOC

A Epoc é unha patoloxía producida polo consumo de tabaco e, en menor medida, pola exposición a outros fumes, como os procedentes das cociñas de leña. É unha das enfermidades respiratorias crónicas máis frecuentes, e afecta aproximadamente ao 12% da poboación maior de 40 anos.

A Unidade do Álvaro Cunqueiro atende a 1.500 pacientes anuais. Este dispositivo asistencial está composto por un equipo de 2 pneumólogos, 1 enfermeira xestora de casos, 1 TCAE e unha 1 administrativa. Ademais, conta coa colaboración da Unidade de Rehabilitación Respiratoria, dispoñendo semanalmente dunha consulta de fisioterapeuta para a valoración do paciente e educación en técnicas e exercicios de ximnasia respiratoria. Anualmente tratan con este programa rehabilitador específico a 80 pacientes.

A enfermeira xestora de casos é clave no funcionamento desta Unidade. Leva a cabo tarefas de educación terapéutica, repaso de uso de inhaladores, apoio sociosanitario  e diferentes charlas informativas sobre a enfermidade e autocoidados. Ademais, os pacientes en seguimento dispoñen dun número de teléfono directo para calquera incidencia que puideran presentar, e no que se atenden unha media de 10  pacientes diarios.

A Unidade mantén unha estreita colaboración con HADO (Unidade de Hospitalización a Domicilio) para a derivación de pacientes que requiran este tipo de atención domiciliaria,  así como  coa Atención Primaria, en contacto estreito cos médicos e enfermaría dos centros de saúde responsables de cada paciente, para coordinar coidados, establecer plans conxuntos de actuación  e levar asi unha atención máis integral.

Un cento de pacientes na Unidade especializada  Alfa-1

O Déficit de Alfa-1 Antitripsina é unha enfermidade xenética pouco frecuente, rara e incurable, que pode causar patoloxías pulmonares e hepáticas a quen a padece, nenos e adultos. Trátase dunha desorde hereditaria, con gran afectación na calidade e esperanza de vida.

O hospital Álvaro Cunqueiro dispón dunha Unidade –único dispositivo asistencial específico existente en Galicia– na que colaboran 3 pneumólogos, 1 enfermeira e 1 secretaria. Conta coa colaboración dos servizos de Dixestivo, Pediatría, e o  Laboratorio de xenética. Ademais, hai que subliñar o traballo conxunto coa Atención Primaria, xa que con este nivel asistencial teñen implementado unha vía directa de derivación dos pacientes, desde os médicos de familia dos centros de saúde a esta consulta especializada. 

No Cunqueiro aténdense anualmente unhas 400 consultas, incluíndo aos pacientes e aos seus familiares (dado que a familia tense que facer estudos xenéticos para confirmar ou descartar a enfermidade).

No momento actual hai 100 pacientes, con déficit moderado e grave, diagnosticados e en seguimento na consulta. De feito, este hospital  é o centro europeo que máis pacientes con esta patoloxía ten incluído no rexistro europeo desta enfermidade (EARCO).

A enfermidade pulmonar afecta fundamentalmente a adultos novos que, en combinación co efecto do tabaco e outras exposicións ambientais ou laborais, como a contaminación do aire ou o traballo con produtos tóxicos, desenvolven enfisema pulmonar. Tamén  é  frecuente a patoloxía hepática, sobre todo nos recen nados e nos nenos.

Por último, cabe subliñar que esta patoloxía está incluída dentro das Enfermidades Raras, e que esta forma de organización asistencial colaborativa encaixa no marco da  Estratexia de Atención ás Enfermidades Raras que o  SERGAS ven  de presentar.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.