Comarcas

Nigrán creará unha liña circular de transporte no concello

Cun microbús 100% eléctrico

Nigrán creará unha liña circular de transporte no concello

O Concello de Nigrán consignará no vindeiro Pleno 320.000 € para a adquisición dun microbús 100% eléctrico que permita establecer unha liña circular dentro do propio municipio.

Dende o goberno local apóstase por esta iniciativa contempada xa no seu Plan de Mobilidade Sostible realizado no 2020 como fórmula de vertebración social que facilitará especialmente ás persoas maiores do interior achegarse ao núcleo urbano para realizar recados, acudir a citas médicas ou enlazar con Lugove (concesionaria do transporte interurbano da Xunta de Galicia).

“Se conseguimos levar adiante esta cuestión mudaríamos radicalmente para ben a vida de moitas persoas que viven no rural e ás que o transporte autonómico non ofrece unha solución real ao seu día a día, por outra banda, e non menos importante, seguiríamos sumando de cara nosa aposta pola baixada de emisións mediante o transporte sostible”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que o que se busca “é a rendabilidade social e medioambiental, non económica”.

Percorrido adaptado ás necesidades dos veciños

Así, o percorrido sería deseñado a partir do análise do Plan de Mobilidade Sostible do Concello de Nigrán para que cumpra coas necesidades das persoas, que especialmente pola mañá precisan acudir a citas médicas, bancos, supermercados… Este servizo ecolóxico podería incluso optar a subvencións e axudas da Unión Europea no eido do transporte sostible, aspecto na que o Concello de Nigrán destaca ao ser o municipio de España con máis electroliñeiras (unha delas municipal e gratuíta) e por bonificar os impostos dos vehículos 0 emisións.

Un vehículo de 22 prazas que funcionaría en 2022

Precisamente para dar este primeiro paso de cara a compra do microbús, o edil de Mobilidade, Diego García Moreira, visitou nas pasadas semanas Coímbra (Portugal) e o concesionario Car-Bus de Portugal para coñecer de preto as prestacións do modelo máis empregado e cómo funciona (en Portugal operan 14 microbuses deste tipo tamén en Lisboa e Madeira desde desde hai máis de tres anos e con gran éxito).

Así, sería un modelo 100% eléctrico de plataforma baixa que carga en 2,5 horas ao 80%, 7’5 metros de lonxitude, 22 prazas (16 sentados, 5 de pé e unha para cadeira de rodas), cunha autonomía de 200 km (120 Kw/hora), porta dianteira e dobre porta traseira e bandexa manual de baixada.

Polas características das estradas rurais só se contempla un microbús porque é o único vehículo de transporte colectivo que pode acceder a moitos dos percorridos máis estreitos e porque é eléctrico 100%. En calquera caso, sería probado in situ en Nigrán antes da adquisición, que se prevé sexa efectiva ao longo de 2022.

“Paralelamente, mentras tramitamos a compra, traballamos xa para establecer a fórmula de xestión do microbús, as frecuencias, paradas e o custe dos traxectos, tendo en conta o xa dito: non buscamos cubrir o servizo co custe do billete, esta é unha medida social destinada a facer un Nigrán máis amigable coas persoas e co medio ambiente”, incide o alcalde, Juan González.

Segundo a política establecida polo goberno local neste anos e polo propio Plan de Mobilidade, o Concello traballa en diferentes iniciativas que priorizan ao peón, seguido do ciclista, o transporte público e, finalmente, o vehículo privado.

También te puede interesar