Cultura

Nigrán arranca este sábado o ‘Mes do Teatro’ coa compañía viguesa ‘Atrezo’

A programación durará ata o vindeiro domingo, día 31

Nigrán arranca este sábado o 'Mes do Teatro' coa compañía viguesa 'Atrezo'

O Concello de Nigrán arranca este sábado o ‘Mes do Teatro’ coa compañía viguesa Atrezo Teatro no Auditorio Municipal ás 20:00 horas con tres obras de microteatro, ‘A conciencia’ (20 minutos), ‘As camelias brancas’ (20 minutos) e ‘A chaqueto de borreguito’ (17 minutos) .

Esta actuación forma parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2021’. A entrada é de balde ata completar o aforo autorizado.

Sábado, 16

O sábado 16 será o turno do grupo de A Estrada ‘Disfunción continua’ coa obra ‘Departamento de selección’, dirixida a un público maior de 15 anos e cunha duración de 1h10 minutos.

Trátase dunha peza na que un grupo de persoas acceden a unha entrevista de traballo para entrar nunha multinacional, pero a dureza das entrevistas converterán o proceso selectivo nun xogo cruel e perverso que sacará o peor de cada personaxe. A obra supón unha crítica á deshumanización do mundo capitalista que nos converte en inimigos e competidores dispostos a emprender unha loita salvaxe na que todo vale.

Está dirixida por José García e interpretada por Clara Iglesias, Rosa López, María Porto, Bea del Río e Natalia Carbajal.

Domingo,17

A programación continúa o domingo 17 ás 19:00 horas coa obra de teatro cego ‘Coa mirada nas túas mans’ da compañía Lohengrín, de San Andrés de Comesaña (Vigo).

Esta función obtivo o segundo premio da categoría Teatro nos Xuventude Crea 2020. Pertence ao xénero de teatro sensitivo xa que é unha obra pensada para público cego, con visión reducida e para as persoas que o queiran presenciar cos ollos tapados. Ten unha duración dunha hora e está pensada para público maior de 14 anos.

Sábado, 23

O sábado 23, a través do programa Tornar as táboas da Deputación de Pontevedra, acude ao Auditorio Municipal a compañía viguesa ‘Fulano, Mengano e Citano’ coa obra ‘Top Manta’.

Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, ‘Top Manta’ é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “politiqueo barato”.

Finalmente, o ‘Mes do Teatro’ péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos ‘Lisístrata’ do grupo ourensán Teatrino.

También te puede interesar