Destacados Vigo al minuto

Denuncia de “servizos mínimos abusivos e encubertos” nos paros de Vitrasa

O Comité de empresa asegura que superan o 60% e nalgún caso son do 80%

Denuncia de "servizos mínimos" e encubertos nos paros de Vitrasa

O comité de empresa de Vitrasa vén de denunciar a “vulneración do dereito de folga” coa imposición duns servizos mínimos “abusivos e encubertos”. A central adianta que impugnará o decreto do Goberno local.

Son do 60,8%

Segundo sinalan dende a representación do cadro de persoal, os servizos mínimos decretados para os paros parciais iniciados hoxe para rexeitar o exceso de xornada e os incumprimentos da empresa, son do 60,8%, “superiores ao 50% establecido na folga do pasado mes de agosto”, a
pesar de que nesta ocasión o aforo permitido nos autobuses é maior que daquela e que agora se trata de paros parciais e non de folga.

“Aumento encuberto” por parte do Concello

Ao mesmo tempo, censuran que “o Concello aumenta aínda máis estes servizos mínimos” de “xeito encuberto”, xa que obriga os autobuses que se atopen en ruta cando comezan os paros a completar o servizo, polo que estiman que “nalgúns casos os servizos mínimos vanse elevar até o 80%”.

“Deste xeito o Goberno local impide o noso lexítimo dereito de folga cuns servizos mínimos desproporcionados que ademais están feitos á carta, semellando incluso que os fixo a propia empresa, tendo en conta que en xuntanzas do comité coa dirección xa nos adiantaran o contido dos servizos mínimos que o Concello impuxo posteriormente a menos de 24 horas do inicio dos paros”, critican dende o comité.

Lamentan tamén que o Goberno local non consultase estes servizos mínimos coa representación dos traballadores/as, “de igual xeito que o alcalde leva sete anos negándose a recibir ao comité de empresa.

Diante disto, anuncian a súa intención de impugnar o decreto do Concello e non descartan o endurecemento das mobilizacións.

“Amplo seguimento”

Finalmente, a pesar destes “abusivos servizos mínimos”, e malia que non contan aínda con todos os datos, amosan a súa satisfacción polo “amplo seguimento” que están a ter os paros por parte do persoal de condución.

También te puede interesar