Centos de persoas sumáronse este domingo en Vigo á concentración convocada pola CIG para dicir, de novo, “Non á estafa da luz”, demandar a recuperación das centrais hidroeléctricas e exixir unha tarifa eléctrica galega.
A mobilización de hoxe coincide, por unha banda, co prezo máis caro da luz en domingo e, doutro, coa nova de que o dirixente socialista Antonio Miguel Carmona , vén de ser nomeado vicepresidente de Iberdrola España.
Escalada imparábel do prezo da luz
Os concentrados volveron a denunciar a escalada imparábel, a «total impunidade coa que actúan as eléctricas», e a inactividade da Xunta e do Goberno do Estado, que non fan nada, nin para frear a suba do recibo, nin para garantir o acceso á electricidade polo conxunto dos cidadáns, en condicións asumíbeis.
Sector estratéxico en Galicia
Os representantes da CIG veñen subliñando dende hai meses o «valor estratéxico do sector enerxético para Galiza, polo que representa para o seu Produto Interior Bruto (PIB) e por ser un factor relevante para poder vivir e traballar dignamente, así como para a actividade económica e a produción industrial«.
Nesta liña denuncian que, «por decisións políticas, Galiza foise especializando na xeración de electricidade con enormes custos sociais e medioambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”.