Comarcas

Medio Rural acomete a mellora de Laxes de Arriba, no Concello de Oia, cun investimento de 40.000€

O delegado da Xunta e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisaron as obras

Medio Rural acomete a mellora de Laxes de Arriba, no Concello de Oia, cun investimento de 40.000€

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, vén de acometer a mellora viaria do lugar de Laxes de Arriba, no Concello de Oia, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) cun investimento de case 40.000€.

Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse ata a zona para supervisar esta actuación, que foi concedida o pasado mes de febreiro e que permitiu renovar de xeito integral a capa de rodadura de trama viaria interna desta aldea da parroquia de Santa María de Oia.

17 proxectos en toda a provincia

Esta obra enmárcase nos 17 proxectos financiados no marco deste programa da Consellería do Medio Rural e que foron realizados na provincia de Pontevedra ao longo deste exercicio cunha partida global de 668.182€.

“O Concello de Oia ten unha importante dispersión e unha configuración principal de residencias unifamiliares que fan necesario que as vías estean en boas condicións para favorecer a mobilidade da veciñanza e por elo conta e seguirá contando coa colaboración da Xunta“, explicou o representante autonómico, que destacou a solución técnica aportada polo Concello “para acometer axeitadamente esta obra, con formigón desactivado, co obxectivo de realizar unha actuación respectuosa coa contorna”.

Ademais, Luis López lembrou que a Consellería do Medio Rural vén de investir máis de 215.000€ en melloras de camiños no Concello de Oia nos tres últimos anos co Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e co Plan de Infraestruturas Rurais, que permitiron actuar en lugares como Piniño, A Granxa, Gandarelas, As Amadas e esta derradeira en Laxes de Arriba.

Finalmente, o delegado territorial anunciou que esta contía para pistas municipais do medio rural vaise incrementar outra vez este mesmo ano, xa que veñen de concederse 40.109,88€ máis ao abeiro do Plan Marco a falla de que se resolvan outras convocatorias e ordes de axudas similares. 

También te puede interesar