Galicia

Ábrese o prazo de licitación para a ampliación do Mercado do Rosal

A intervención, que conta cun orzamento de case 380.000€, creará un espazo de degustación e de restauración

Ábrese o prazo de licitación para a ampliación do Mercado do Rosal

O Concello do Rosal anuncia que o prazo de licitación para a mellora e ampliación do Mercado de Abastos xa está aberto.

As entidades interesadas poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 14 de outubro a través do Portal de Contratación do Estado (PLACE). A intervención, que conta cun orzamento de case 380.000€, mellorará as infraestruturas actuais e creará un espazo de degustación e de restauración que “dotará doutro enfoque ao espazo”.

Logo da renovación do Mercado

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, explica que esta ampliación súmase á recente renovación do Mercado que se realizou durante a primeira metade do ano, e destaca que responde “á aposta do Concello polo comercio de proximidade, polo produto local e de calidade”, como medio para “activar e reforzar a nosa economía”.

As melloras consistirán na creación dunha maior zona de degustación con novas mesas, cadeiras e taburetes, e na construción de dúas xardineiras, unha na terraza da planta superior, e outra no patio da planta inferior.

As obras deben ter unha duración de 10 meses e farán do espazo un lugar “cómodo, sostible, e eficaz para degustar os produtos locais incorporando toda a vertente culinaria asociada”, destaca a rexedora.

Espazo de lecer e convivencia

A ampliación camiña na liña dos mercados de excelencia marcados pola propia Xunta de Galicia pola que se aposta por dotar aos mercados de proximidade dun valor engadido converténdoos en epicentro culinario, de degustación e restauración. Deste xeito xérase un espazo de lecer e
convivencia para a toda a veciñanza coa posibilidade de realizar actividades de diversa índole no seu interior.

Con estas melloras o Concello rematará o seu proxecto para dotar o mercado, construído en 1954, dunha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoo máis confortable e atractivo para os e as comerciantes, e os rosaleiros e rosaleiras que busquen un espazo para mercar e desfrutar do produto local.

También te puede interesar