Galicia

A nova depuradora de Ponteareas, a un paso de ser realidade

Permitirá ampliar a capacidade de tratamento a 20.000 habitantes

A nova depuradora de Ponteareas, a un paso de ser realidade

A nova depuradora está a un paso de converterse en realidade. O Concello de Ponteareas aprobará o vindeiro martes 28 en Pleno o convenio de colaboración coa Xunta e o Estado que permitirá levar a cabo as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Moscadeira.

Dará, así, solución a un dos problemas históricos máis graves da vila: a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

Ampliar o saneamento ás parroquias

“Con este investimento poderemos acabar por fin cun problema que vén
arrastrando a vila dende hai máis de 25 anos, cando entrou en funcionamento a actual depuradora sen capacidade para tratar o caudal que recibía xa daquela, provocando dende o inicio verteduras ao río Tea e as súas consecuentes sancións”
, salientou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, que recalcou tamén que as obras na EDAR serán ademais “imprescindíbeis para poder ampliar o saneamento nas parroquias que carecen del, cunha repercusión moi positiva non soamente para a veciñanza, senón tamén para o medio ambiente”.

11.700.000 euros

O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a
execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración,
financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta. Segundo recolle o acordo, a ampliación da depuradora e dos colectores xerais de nova creación que rodearán o casco urbano deberan estar rematados en 2023.

Mellora do saneamento

Xunto coa ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, as obras contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora.

Capacidade de tratamento a 20.000 habitantes

Isto suporá un antes e despois para o sistema de saneamento ponteareá,
deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16.000, traballando por enriba da súa capacidade e provocando verteduras ao río.

Coa execución destas obras ampliarase a capacidade de tratamento a 20.000 habitantes, que permitirá rematar cos vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.

También te puede interesar