RGPD - Cookies
Galicia Sucesos

Os positivos por alcohol ao volante suben na provincia un 30% e os de drogas un 134%

Ata agosto, tamén subiu o total de mortos nas estradas de Pontevedra

Interceptado, borracho, en Portugal tras saltarse un control en Redondela

A subdelegada do Goberno  presentou esta mañá o balance da Operación Verán de Tráfico na provincia de Pontevedra. Maica Larriba cualificou como «bos» os meses de xullo e agosto atendendo ao número de falecidos nas estradas provinciais, que descendeu con respecto ao mesmo período do ano pasado nun 66%.

En concreto, a cifra pasa de 9 vítimas mortais en 2020 a só 3 neste ano e todo pese a aumentar a mobilidade debido á flexibilización das restricións pola pandemia. O  número de persoas que perderon a vida no verán é idéntica á de 2019 e neste caso os falecidos foron dous condutores e un peón.

Mal dato entre xaneiro e agosto

Con todo, a subdelegada non se mostrou optimista á hora de valorar os datos rexistrados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto. Neste prazos o número de mortos foi de 18 persoas, o mesmo que en 2019 e superando as dos anos 2017, 2018 e 2020.

Xuño «desastroso»

Larriba mostrouse especialmente preocupada polo sucedido no mes de xuño, que cualificou como «desastroso» ao levar por diante a vida de 9 persoas nas estradas da provincia. Doutra banda, nesta campaña estival da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) tamén se rexistrou unha considerable redución dos accidentes de tráfico con vítimas, é dicir, daqueles nos que se produce algún tipo de ferido ou falecido. Se o comparamos con 2019, nestes dous meses houbo un 19% menos de sinistros viarios con vítimas e se o contrastamos co ano 2020 a diminución ascende a un 23%.

As estradas autonómicas, as que teñen máis sinistros

Analizando a titularidade das vías nas que ten lugar un maior número de accidentes con vítimas, a subdelegada informou de que as de titularidade autonómica seguen sendo as que presentan unhas peores cifras ao acumular un 39% de todos os accidentes da provincia.

Distracións e velocidade

No relativo ás causas que interveñen nos accidentes mortais destacan as saídas de vía e as colisións frontolaterais. Así mesmo, Maica Larriba fixo fincapé en que hai dous factores moi importantes que teñen relación directa cos accidentes que rexistran vítimas: nun 20% son produto dunha condución distraída e nun 15% dunha velocidade inadecuada.

No balance desta mañá ofrecéronse por vez primeira datos relativos á mobilidade viaria no entorno das dúas grandes cidades da provincia. Larriba explicou que no entorno de Pontevedra caeu en xullo un 0,7% respecto do 2019, mais aumentou en agosto un 0,5%.

Menos mobilidade en Vigo

En Vigo, polo seu lado, a mobilidade reduciuse nun 3,2% en xullo e nun 0,4% en agosto con respecto aos mesmos meses de 2019 o que quere dicir que ambas capitais rexistraron menos desprazamentos de vehículos particulares que en verán de 2019. A comparativa realízase co ano 2019 e non co 2020 debido a que as cifras do ano pasado están moi marcadas polas restricións da pandemia e dese xeito o resultado quedaría distorsionado.

Alcoholemia

Maica Larriba tamén deu conta dos datos relativos aos controis de alcoholemia e drogas «que son de gran relevancia á hora de analizar a actividade viaria da provincia». A este respecto indicou que o número de controis de alcohol aumentou nos meses de verán un 16% en comparativa co ano 2020, pero as cifras de positivos séguense mantendo ao redor do 2%.

Concretamente, este verán realizáronse un total de 41.192 probas con 853 positivos, mentres que en 2020 o número de test practicados foi de 35.465 con 718 positivos.

Drogas

Con respecto ás drogas os controis aumentaron este verán un 500% e os positivos descenderon do 47% do ano pasado ao 39% deste ano. Máis polo miúdo, en 2021 realizáronse 1.132 probas con 701 positivos e en 2020 practicáronse 214 con 102 positivos.

Analizando os datos de 1 de xaneiro a 31 de agosto dos anos 2020 e 2021 reflíctese un aumento do 36% nos controis de alcohol e nun 85% nos de drogas.

Así mesmo, con esta referencia anual as cifras arroxan que os positivos en alcohol subiron un 30% mentres que os positivos polo consumo de drogas fixérono nun 134%.

A subdelegada do Goberno advertiu de que se seguen presentando unhas taxas moi elevadas de condución baixo os efectos do alcohol e as drogas. «Son datos moi preocupantes que nos fan insistir en pedirlle á poboación que cando se conduce, cero alcohol e cero drogas«, incidiu.

Para concluír, Maica Larriba fixo fincapé en solicitarlle aos veciños e veciñas que presten a máxima atención ao volante  «porque as distraccións seguen sendo unha da causas principais de accidentalidade» nas estradas de Pontevedra.

También te puede interesar