RGPD - Cookies
Cultura Vigo al día

Ian Gibson e Xosé Manuel Beiras, protagonistas este xoves no Festival de Cans

Ian Gibson e Xosé Manuel Beiras, protagonistas este xoves no Festival de Cans

Dous filmes documentais que se proxectan por primeira vez ao público. As presentacións de libros que estudan ou contan o cinema na sección LendoCine. Noite Lasal dos Videoclips e o concerto da banda Moon CrestaColoquios mesas redondas con estudosos e profesionais do sector audiovisual. Ou o retorno dos chimpíns de Cans ás rúas do Porriño. Son algunhas das propostas para a segunda xornada do XVII Festival de Cans, a de este xoves.

As proxeccións das documentais ‘Beiras, vivir dúas veces’ e de ‘Donde acaba la memoria’ son dúas das máis agardadas este ano polo público do Festival. Poderase ver no Centro Cultural Municipal do Porriño.

‘Tarde Coira’

A partir das 17 horas comeza a ‘Tarde Coira‘, adicada a Jorge Coira, quen co-dirixe o documental ‘Beiras, vivir dúas veces’ xunto ao seu irmán Pepe Coira e ao realizador Gaspar Broullón. O tamén director de ‘Eroski Paraíso’ é o realizador homenaxeado este ano polo de Festival: Jorge Coira recibirá este venres, na Noite das Homenaxes, o Premio Pedigree 2021, a distinción de honra de Cans. O Festival recoñece así a enorme achega do realizador lucense ao audiovisual galego nos últimos 25 anos.

Afirman os irmáns Coira e Gaspar Broullón que ‘Beiras, vivir dúas veces’, «non é un filme sobre Beiras, senón un filme con Beiras». Parten dos lugares, das imaxes, e das experiencias que mellor identifican a vida do economista e político galego. Tamén de horas de conversa con el. Logo da proxección da película, haberá un coloquio cos realizadores e co propio Xosé Manuel Beiras. Ademais, confirmaron a súa presenza protagonistas no filme coma os artistas Silverio Rivas e Anxel Huete, a actriz Flor Maceiras, o escritor Miguelanxo Fernán-Vello ou o ex alcalde de Santiago Martiño Noriega.

Na ‘Tarde Coira’, Jorge Coira tamén presentará algúns avances de ‘Proyecto Emperador’, a película protagonizada por Luis Tosar na que traballa. (Consulta aquí máis detalles sobre o filme e sobra as principais actividades do Festival este xoves).

‘Donde acaba la memoria’

O realizador vigués Pablo Romero-Fresco e máis o historiador Ian Gibson presentarán en Cans, tamén mañá, ‘Donde acaba la memoria’. O documental é produto dun traballo conxunto de máis de sete anos. Gibson replica no documental a viaxe do mítico cineasta Luis Buñel a Las Hurdes. É tamén, a súa, unha viaxe íntima: a dun historiador británico que leva máis de 50 anos esculcando nos aconteceres e nos porqués da historia de España. A película produciuna Xavi Font, quen tamén asinou a produción de exitosos filmes galegos coma ‘O que arde’ ou ‘ Ons’.

A estrea será ás 20.30 horas (Centro Cultural Municipal do Porriño). Estarán presentes Ian Gibson, Xavi Font, amén e a co autora da música do filme, Elba Fernández. O historiador manterá un coloquio co público do Festival horas despois, xa o venres, ás 12.30 horas (Torreiro de Cans).

 Lendocine, videoclips e concerto de ‘Moon Cresta’

Ata cinco novidades literarias preséntase mañá en LendoCine, a actividade coa Festival de Cans trata de promover a difusión de obras escritas relacionadas co cinema. Os seus autores son o ex-presidente da RAE, Darío Villanueva; o crítico, escritor e programador Jaime Pena; os docentes Beatriz Busto e  Pedro Sancho; e o comunicador e publicista porriñés juáncho. Presentarán as súas obras a partir das 18.30 horas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, o mesmo sitio no que ás 20 horas comeza a procesión dos chimpibuses: os chimpíns de Cans regresan, coma cada ano, ás rúas do Porriño. Acompañaraos a música de Os Zoqueiros. (Máis información sobre os libros neste documento).

A música seguirá pola noite: primeiro coa Noite Lasal dos Videoclips. Na competición de videoclips do Festival de Cans participan este ano 20 traballos. Poderán verse a partir das 22 horas no Auditorio exterior do Centro Cultural Municipal do Porriño.

A seguir, e no mesmo lugar, celébrase o primeiro dos grandes concertos deste ano no certame: o de Moon Cresta. Co seu enérxico directo, avalado por preto de 20 anos de traxectoria, os Moon Cresta chegan ao Festival para dar un concerto no que presentan o seu cuarto disco, ‘Civil Fuzz Brigade’, entregado en 2019 pero que a pandemia deixou case inédito no contacto co público.

Entre xentes de cinema

Antes, na mañá, na aldea de Cans respirarse moito cinema. Será nun dos seus espazos máis emblemáticos: o Baixo de Carlos.Despois, a partir das 11.30 horas, celébrase o segundo dos coloquios AISGE desta edición do Festival: Sabela Hermida e José Luis Castro de Paz falarán encol de «25 anos sen María Casares».

Ás 13 horas, a Mesa Proxecta, da coordenadora galega de certames cinematográficos, aborda o tema»Pequenos grandes festivais, resistencia e supervivencia». Participan Javier Muñiz, presidente Coordinadora La Mesta, Sergio Valbuena, director CortoGijón e Ana Estévez, directora MICE. Modera: Analía G. Alonso, xerente de Proxecta.

A partir das 15 horas, todas as actividades programadas para mañá serán xa no Porriño. Dende as 3 da tarde, comeza o concurso de pintura rápida Pintar o cine, outra actividade do Festival de Cans para promover o diálogo entre o cinema e outras disciplinas artísticas.

También te puede interesar