Comarcas Vigo al minuto

Nigrán organiza o Camiño de Santiago en tres etapas, para persoas xubiladas

Consta de camiñatas de 20 quilómetros e autocar os días 11, 18 e 25 de setembro

O Concello de Nigrán ofrece aos seus maiores a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago pola costa desde A Ramallosa adaptado a tres etapas de 20 km de andaina (complétanse con autobús) durante os sábados 11, 18 e 25 de setembro.

O aforo está limitado a 50 persoas xubiladas empadroadas no municipio que se atopen en boas condicións físicas e estén acostumadas a longas camiñatas. O Concello sufraga todos os gastos de desprazamento en autobús e guías e os participantes deberán abonar 10 € por cada xantar no respectivo restaurante concertado (30 € en total).

Inscrición e data de inicio da excursión

A inscrición realizarase presencialmente este xoves e venres 2 e 3 de setembro na Oficina de Información Cidadá do Concello de 10:00 a 12:00 horas.

A excursión partirá o 11 de setembro ás 9:00 horas camiñando desde A Ramallosa con parada para comer e autobús a continuación a Pontevedra para finalizar cunha ruta turística nesta cidade (sempre inclúe o regreso a Nigrán en autobús).

A seguinte etapa será o 18 de setembro con saída en autobús desde o Concello de Nigrán cara Pontevedra para camiñar desde aí a A Cancela e, posteriormente e xa en autocar, realizar unha ruta turística en Caldas de Reis.

Finalmente, o 25 de setembro os participantes irán desde Nigrán a Padrón en autobús para coñecer esta localidade e desprazarse despois ao Monte do Gozo co obxectivo de chegar a pé á Praza do Obradoiro.

As persoas inscritas serán citadas á unha presentación no Pazo de Pías o venres 10 de setembro ás 21:00 horas onde se lles achegará un ‘kit’ para facer o Camiño máis comodamente (camiseta, mochila, etc.) e alí abonarón o custe dos tres xantares.

“Este é Ano Santo e os nosos maiores despois dun confinamento tan duro precisan ter opcións de lecer que inclúan actividade física e socialización, polo que consideramos esta opción como a máis estimulante que ofrecer neste mes de setembro”, explica María Mayán, edil de Maiores.

También te puede interesar