Cultura

Esgotadas as prazas para a estrea do programa ‘Historias Cavadas’ da Deputación de Pontevedra

Trátase de visitas escenificadas aos xacementos musealizados da provincia

O programa “Historias Cavadas” de visitas escenificadas aos xacementos
musealizados do Castro de Toiriz, en Silleda; Castro Alobre, en Vilagarcía e A Subidá, en Marín, que pon en marcha a Deputación de Pontevedra, vai comezar cunha excepcional acollida: as 150 prazas ofertadas nas seis sesións previstas están completamente esgotadas.

As visitas arrancan este xoves 2 de setembro no Castro de Toiriz onde se repetirán ao día seguinte, día 3; mentres que en Castro Alobre se realizarán o 16 e 30 de setembro, e na Subidá os días 17 e 24.

Este novo programa de visitas escenificadas conxuga cultura, diversión e patrimonio e busca poñer en valor os castros musealizados da provincia da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de tódolos públicos.

As sesións serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente protagonizadas por dous personaxes, un romano e unha castrexa, que lle darán unha “onda cómica” a estes percorridos pola historia.

A duración estimada é de 50 minutos e trátase dunha actividade accesible e inclusiva, que contará así mesmo con intérprete de lingua de signos.

Valor cultural, social, artístico e patrimonial

O obxectivo destas visitas é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico e patrimonial destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara o futuro.

Troula Animación

A compañía Troula está especializada en teatro e animación, con ampla traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculos de rúa. Moi presentes cos seus proxectos en Galicia e boa parte da xeografía nacional, así como estranxeira (Francia, Portugal, Inglaterra, Escocia e Irlanda).

Troula é a compañía organizadora do festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra, Itineranta, e produtora de coñecidos proxectos como  “Uxía Lambona e a Banda Molona”, “Errantes”, “Pachamama” ou “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”.

También te puede interesar