Deportes Vigo al minuto

O campión da NBA Craig Hodges, en Vigo facendo o Camiño de Santiago

O xogador pasou pola cidade en dirección a Redondela

O campión da NBA Craig Hodges, en Vigo facendo o Camiño de Santiago

A delegada territorial da Xunta en Vigo acompañou hoxe ao ex xogador da NBA Craig Hodges que estes días está a realizar o  Camiño Portugués da Costa. Tras recibilo está mañá no albergue de peregrinos na Praza do Berbés, Marta Fernández-Tapies e o xogador de baloncesto realizaron xuntos o tramo da ruta xacobea que percorre a cidade en dirección a Redondela.

Craig Hogdes, bicampión cos Chicago Bulls de Michael Jordan (1991 e 1992), é o protagonista este ano do documental “O Camiño acaba no Obradoiro” na súa sétima edición, que anualmente atrae a figuras de relevancia nacional e internacional do baloncesto para realizar algunha das rutas xacobeas.

Camiño Portugués

A delegada indicou que o Camiño Portugués da Costa, que atravesa Vigo, segue a ser un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos que chegan a Compostela.

A diversidade na procedencia dos peregrinos que durante este tempo se aloxaron no albergue do Berbés confirma, en opinión da delegada territorial, a popularidade do Camiño nos diferentes territorios e especialmente do Camiño Portugués da Costa, un dos que se rexistrou os maiores incrementos no 2019 e que se mantén en auxe. Viaxeiros de 41 países reservaron praza no albergue vigués e de 14 comunidades autónomas.

Hostalería e comercio

Fernández-Tapias, volveu a insistir na oportunidade que supón a celebración deste Ano Santo Xacobeo bianual e no agradecemento da Xunta á hostalería e o comercio vigués pola súa implicación e colaboración na sinalización desta ruta, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués da Costa e ante a negativa do Goberno vigués a permitir a sinalización do percorrido no termo municipal da cidade.

Referendou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro, con medidas como o sistema de reservas online nos albergues; ou a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros no caso de que enfermen durante a súa estancia na Comunidade.

También te puede interesar