RGPD - Cookies
Comarcas

Iria Vilaboa asume as concellerías de Servizos Sociais, Igualdade e Persoas Maiores de Redondela

Ata agora estaban en mans da alcaldesa, Digna Rivas

Iria Vilaboa Álvarez tomou posesión da súa acta de concelleira do Grupo Municipal Socialista de Redondela no Pleno da Corporación municipal celebrado o xoves cubrindo, deste xeito, a vacante deixada pola marcha de Marta Alonso.

A nova concelleira asumirá as competencias de case que todos os asuntos que fagan referencia aos servizos sociais municipais, unha área considerada polo Goberno local como «de especial importancia» dado que a súa xestión afecta aos sectores máis vulnerables da veciñanza.

Iria Vilaboa dirixirá, polo tanto, ás áreas de Servizos Sociais e Promoción Social, Asistencia social primaria, coordinación dos servizos relacionados coa Infancia, Axuda no Fogar, Igualdade e Conciliación, e dirección e coordinación do Centro de Información á Muller.

Algunhas destas áreas eran, ata o de agora, competencia da alcaldesa Digna Rivas que trala marcha de Marta Alonso, incrementaba notablemente a súa carga de traballo ao asumir –a maiores das concellerías que agora dirixirá Iria Vilaboa–, as competencias de Seguridade Cidadá e Tráfico, Interior, Emerxencias e Eventos, amais de Normalización Lingüística e as inherentes á Alcaldía de Redondela.

Digna Rivas, subliñou a «capacidade de traballo e compromiso» de Iria Vilaboa ao mesmo tempo que salientaba que «a súa formación e implicación social e co movemento do asociacionismo, a facían idónea para facerse cargo destas áreas». «Iria será, sen dúbida, un elemento esencial para o desenvolvemento das políticas sociais que propugna este Goberno», remata alcaldesa redondelá.

También te puede interesar