Destacados Vigo al minuto

A CIG alerta de que o ERTE de Barreras é o camiño para liquidar o estaleiro

Lamenta a ausencia da Xunta e a inacción cómplice do Goberno español

A CIG alerta de que o ERTE de Barreras é o camiño para liquidar o estaleiro

A CIG vén de denunciar a “actitude inmobilista” que a dirección de Barreras, “coa complicidade dalgún outro sindicato”, está a manter durante toda a negociación do ERTE. Unha “dirección enrocada que pretende impoñer pola forza unhas condicións inaceptábeis” nun expediente de regulación temporal que “quere ser a antesala da liquidación do estaleiro”.

Dende a central sindical subliñan que aempresa rexeita de maneira sistemática todas as propostas que desde a CIG se trasladaron para reducir ao mínimo o alcance do ERTE. “Pero o que é máis grave, está dicindo ‘non’ cando se lle reclaman garantías reais de continuidade da actividade e do emprego”.

Non hai interese en garantir a continuidade do estaleiro

O secretario da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, critica que a dirección do estaleiro sexa incapaz a estas alturas de garantir o retorno do Evrima. “Para nós demostra de maneira rotunda que non hai ningún interese real por viabilizar a continuidade do propio estaleiro“.Por iso, avanza que “se o que se pretende, como parece, é un ERTE para cargar nos traballadores e traballadoras os custos da nefasta xestión da dirección designada por Ritz Carlton, que non conten coa CIG. Moi ao contrario, terán a nosa oposición frontal e firme”.

“Ausencia total da Xunta”

Ante esta incerteza, a CIG segue a denunciar a ausencia total dunha Xunta de Galicia “que non está nin se lle espera”, e a inacción cómplice do Goberno español.

“Uns e outros teiman en ollar para outro lado mentres está en risco un estaleiro imprescindíbel como Barreras e, polo tanto, o propio futuro do sector naval de Vigo. A que agardan para despregar unha intervención pública directa que evite o desastre? Que máis ten que pasar para que actúen?”, urxe Gonçalves.

A CIG seguirá defendendo con firmeza a continuidade da actividade neste estaleiro. “Non podemos permitir a caída de Barreras porque suporía un golpe letal e definitivo a un sector industrial estratéxico para a comarca de Vigo e para o conxunto do país, como a construción naval”, conclúe.

También te puede interesar