Cultura Vigo al minuto

Música, espectáculos e deporte durante toda a fin de semana

Do Rías Baixas Fest, pasando por Tras as Ameas, Bosques Terapeúticos ata o Verán Deportivo

Propuestas culturales Vigo

A Deputación de Pontevedra ofrece desde hoxe e durante toda a fin de semana unha ampla proposta cultural e deportiva por toda a provincia.

Os programas “Música no Ar”, “Musigal”, “Tras as Ameas”, “Bosques Terapéuticos”, “DepoAndainas” e “Verán deportivo”, amais da estrea dos Rías Baixas Fest en Nigrán e Vilagarcía, achegarán durante catro días un total de 20 actuacións musicais, 1 espectáculo de maxia, 3 rutas polos bosques, 1 andaina e 2 competicións deportivas.

Rias Baixas Fest e Atlantic Fest

No terreo musical chegan os Rías Baixas Fest coa estrea de “Vive Nigrán” (ata o sábado), con 8 concertos e recoñecidos artistas como Sidecars, Locoplaya ou Shineva, e o Atlantic Fest en Vilagarcía (ata o 24 de xullo) con León Benavente Depedro ou Sidonie, entre outros.

Amais, “Música no Ar” chega este venres a Tui coa actuación de Ana Belén Rodríguez Trío (con Ana Belén ao piano, Noelia Álvarez á voz e Kiri Cabaleiro á gaita, frauta e percusión) e o sábado a Pontecesures, con
Vertixe Sonora interpretando No solpor e despois.

Musigal

“Musigal” ofrece tamén unha interesante oferta musical este sábado cos concertos de Guadi Galego en Salceda de Caselas, Herdeiros da Crus en Bueu e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Meaño e o domingo en Valga con Roi Casal.

‘Tras as Ameas’

Pola súa banda, “Tras as Ameas” encherá de maxia esta tarde, ás 19.00 horas, o Castelo de Soutomaior co espectáculo “O castelo máxico”, do ilusionista pontevedrés Pedro Vuelta. Este show, para o que xa se esgotaron as entradas, sorprenderá ás familias con ilusións ópticas e unha función de maxia ao atardecer nas que castelo e xardíns gozarán de gran protagonismo.

Deporte

Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de 5 actividades. O domingo 18 será a quenda da primeira das DepoAndainas 2021”, que transcorrerá pola Vía Verde que une os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía. Será unha ruta circular de dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia.

Polo seu lado, “Bosques Terapéuticos” ofrece tres novas experiencias. A primeira terá lugar este venres en Vigo pola ruta Arco da Vella en Bembrive, a segunda o sábado en Meis coa Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro de 1,4 quilómetros no que se visitarán máis de 30 muíños; e xa o domingo o Bosque da Picaraña, en Ponteareas, unha ruta dun quilómetro na que se visitarán máis de 20 penedos.

Finalmente, dentro do “Verán Deportivo” patrocinado pola Deputación, disputaranse en Sanxenxo a competición de tenis praia o sábado e a de futvolei o domingo.

También te puede interesar