Deportes Destacados

A Deputación impulsa ‘Verán Deportivo’ en praias de Poio, Nigrán, Sanxenxo e Cangas

Combina volei praia, futvolei e tenis praia con iniciativas medioambientais

A Deputación impulsa 'Verán Deportivo' en praias de Poio, Nigrán, Sanxenxo e Cangas

Entre o 10 de xullo e o 15 de agosto as praias de Baltar en Sanxenxo, Lourido en Poio, Panxón en Nigrán e Rodeira en Cangas acollerán un
“Verán Deportivo”, programa que patrocina por vez primeira a Deputación de Pontevedra.

O seu obxectivo, apuntou hoxe a presidenta do organismo provincial, é converter á provincia “nun grande referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia”.

Carmela Silva deu a coñecer esta mañá o calendario desta actividade deportiva que combina volei praia, futvolei e tenis praia con iniciativas sociais e medioambientais.

Carmela Silva presentando ‘Verán Deportivo’ este martes

Atraer o turismo non masificado e sostible

“Cada día é maior o número de persoas que cando elixen un lugar para desfrutar das súas vacacións buscan vivir experiencias e participar activamente do espazo público. Verán Deportivo é un deses proxectos conxuntos que tanto nos gustan na Deputación de Pontevedra, clave para atraer o turismo non masificado e sostible que estamos a promover”, remarcou a presidenta.

O “Verán Deportivo”, que prevé a participación de 380 persoas aínda que mobiliza a moitas máis, contará con competicións de volei praia, futvolei e tenis praia nas modalidades feminina, masculina e mixta. Estará aberto a maiores de 16 anos e cada fin de semana acollerá dúas competicións: unha para persoas federadas e outra dirixida a amateurs.

Calendario

O evento arrancará os días 10 e 11 de xullo con volei praia en Panxón. Os días 17 e 18 de xullo continuará na praia de Baltar de Sanxenxo con tenis praia e futvolei e, no mesmo espazo pero os días 24 e 25 de xullo, con volei praia.

Os días 31 de xullo e 1 de agosto a praia de Rodeira en Cangas acollerá tenis praia e futbolei. Xa en agosto, os días 7 e 8, terán lugar as competicións de volei praia en Lourido, Poio. “Veran Deportivo” rematará a fin de semana do 14 e 15 de agosto con
tenis praia e futvolei tamén en Lourido.

Amais das competicións de volei praia, futvolei e tenis praia haberá tamén en cada concello sesións de formación sobre estas disciplinas deportivas para as crianzas, que terán lugar, todas elas, o venres anterior ao inicio das probas.

“Verán Deportivo”, que regresa tralo parón do 2020 por mor da covid, “dá sentido ao deporte como elemento integrador en accións sociais e medioambientais”. De feito, trátase dun evento comprometido coa mellora da empregabilidade das persoas en risco de exclusión social e ofrece un compromiso co coidado do medio ambiente na recollida selectiva de todos os envases utilizados nas competicións. “Amais pretende fomentar a práctica do deporte e dos hábitos saudables e de benestar nas praias”.

Outras actividades deportivas

Xunto a “Verán Deportivo”, a Deputación de Pontevedra tamén está a colaborar con outras actividades entre as que se atopan a “Epic Race”; Costa Atlántica Triple Coroa de natación; o Trail League BTT e a Golden River Race de piragüismo.

Te podría interesar