RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al día

Nigrán asfalta nove rúas de San Pedro de A Ramallosa

Inclúe a posta en valor do seu cruceiro, en Mallón

Nigrán asfalta nove rúas de San Pedro de A Ramallosa

O Concello de Nigrán iniciou esta semana o asfaltado de nove rúas da parroquia de San Pedro de A Ramallosa por importe de 151.145 €. A inversión é a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

Trátase de Pontillón e Ana Isabel Costas (xa listas); Pereiro (incluíu antes a dotacón de saneamento), A Igrexa, Cotros de Arriba, Altamira, Rego, Mallón-Pedreiros e Pereiras.

Situación ‘pésima’

Todas elas, indican dende o Concello de Nigrán, estaban nunhas condicións «pésimas» tras máis dunha década sen pavimentar, algunhas incluso dúas. As nove rúas estarán totalmente renovadas a vindeira semana tras unha longa tramitación que arrancou a finais de 2017 ao ser requiridos diversos informes sectoriais (Costas, Augas de Galicia, Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas). A contorna do cruceiro de Mallón demorarase uns días máis ao substituírse o asfalto por adoquinado.

«Agradecemos a paciencia dos veciños durante este tempo porque foron catro anos agardando por todos os permisos necesarios», indica o alcalde.

Cruceiro de Mallón

Este proxecto de asfaltados da parroquia abrangue tamén a posta en valor da contorna do cruceiro de Mallón. Na zona levantarase o firme de asfalto que o rodea ata unha profundidade de 25 centímetros para deixar ao descuberto o chanzo inferior da súa base e ao seu redor pavimentarase con cantos de pedra delimitados por un bordo de granito gris alba, ademais, contará con iluminación ornamental.

Pola súa banda, o trazo do Camiño terá que ser sometido á ‘Guía de boas prácticas’ para salvagardar as súas características tradicionais. Finalmente, nos camiños con muros tradicionais gardarase unha franxa de 15 cm ao seu carón sen o novo pavimento. Ademais, e xusto antes de iniciarse os asfaltados, o Concello dotou de saneamento ao camiño de Pereiro, único dos nove que carecía deste servizo.

«O resultado será moi beneficioso e a contorna do cruceiro gañará moitísimo para, precisamente, por en valor este elemento e a súa praza», sinala o alcalde de Nigrán.

Juan González subliña que nos últimos seis anos lévanse investido máis de 500.000 € só para plans de pavimentación no municipio. «Sabemos que aínda existen moitos camiños onde intervir e non nos esquecemos», engade. Para o alcalde «había unha débeda histórica coas parroquias e a estamos a saldar en tempo record».

También te puede interesar