Vigo al minuto

Baiuca e Os Resentidos, esta fin de semana no Festival TerraCeo

Leo Harlem completa aforo para unha das súas funcións

TerraCeo Vigo

TerraCeo terá organizado 45 concertos en menos dun ano desde a velada inaugural da súa primeira edición, celebrada en xullo do pasado ano.

A programación dos próximos venres, sábado e domingo é mostra das novidades da súa segunda edición: máis artistas de Vigo e Galicia que presentan os seus novos traballos. E tamén é novidade a incorporación de artistas internacionais. Pola terraza do Auditorio pasaranse esta fin de semana Baiuca –venres- e Os Resentidos –sábado- para presentaren por primeira vez en concerto en directo os seus novos discos. O domingo comparecerá en TerraCeo o cantante arxentino Kevin Johansen.

‘Aforo completo’ en 14 dos 43 espectáculos

Transcorridas 3 semanas desde o primeiro concerto da súa segunda edición, oTerraCeo pendura xa o cartel de “aforo completo” en 14 dos 43 espectáculos que puxo á venda. E hai varios concertos máis a piques de completar aforo.

Esta semana esgotáronse as entradas para Pol Granch e Juancho Marqués. Tampouco quedan xa localidades para a actuación de Leo Harlem do venres 16 de xullo. O público do humorista, en todo caso, aínda ten opcións: quedan entradas dispoñibles para o seu espectáculo do xoves 15 de xullo.

Antes de completar o primeiro mes da súa segunda edición, 14.000 persoas xa se fixeron con localidades para os eventos. Son as mesmas que se pasaron pola terraza do Mar de Vigo en toda a primeira edición do evento.

Baiuca, Os Resentidos e Johansen

Baiuca lanzou o seu novo disco, ‘ Embruxo’, o pasado 7 de maio. O músico, nado en 1990 en Catoira (Pontevedra), crea sonoridades nas que fusiona os ritmos tradicionais galegos con estilos contemporáneos. Baiuca aposta pola vangarda. A súa proposta trunfa en toda Galicia, pero tamén en cidades como Milán, París ou Madrid.

En ‘Embruxo’ inclúe colaboracións con Xosé Lois Romero, as pandereteiras Lilaina ou o asturiano Rodrigo Cuevas, outro creador que indaga na fusión de ritmos contemporáneos con sons tradicionais e que brindou unha gran noite de TerraCeo o pasado ano.

Este sábado, a partir das 20 horas, Os Resentidos presentan o seu primeiro disco de estudo desde 1993: ‘Organización Nautilus’. A banda liderada por Antón Reixa construíu un disco que ten como eixo argumental o relato de Julio Verne sobre a Ría de Vigo. Fusiónao con temas e debates do momento actual: desde o coronavirus ao desemprego. Volven aos escenarios e fano en Vigo, sobre a Ría á que lle cantan en ‘Organización Nautilus’.

O de Kevin Johansen será un dos primeiros concertos da súa primeira xira en España desde 2019. A proposta musical do cantante, nacido en Alaska pero criado en Arxentina, fusiona ritmos de toda América, de norte a sur. Enche escenarios en todo o continente americano e nos últimos anos ten unha crecente presenza en España e Europa.

Se chove, Auditorio interior

Os concertos do próximos sábado e domingo poderían celebrarse, dada a predición meteorolóxica, no Auditorio interior. Do mesmo xeito que os pasados días venres e sábado, as normas actuais permiten desenvolver os concertos nese espazo co mesmo aforo que o que se aplica na terraza e con todas as medidas de seguridade.

También te puede interesar