Vigo al minuto

O Naval volve á rúa en Vigo

Hoxe ás 18:00h. dende a Dobrada ao farol de Urzaíz

O Naval volve á rúa en Vigo

O Naval volve á rúa en Vigo. A CIG fai un chamamento a participar na manifestación convocada para hoxe en defensa do sector naval e polo futuro industrial da comarca. A marcha arrincará dende a Dobrada ás 18:00 horas e rematará no farol de Urzaiz.

Dende a central sindical lembran que levan moito tempo alertando do continuado devalar industrial que se está traducindo, dende hai anos, nunha verdadeira desertización” da base produtiva no conxunto da bisbarra.

5.400 empregos industriais menos en Vigo

Hoxe, só en Vigo, hai 5.400 empregos industriais menos dos que había no ano 2009; e só no último ano destruíronse por volta de 2.500 postos de traballo neste sector.

Ante “esta situación ten causas e tamén responsábeis”, o Naval volve á rúa en Vigo. Dende a CIG apuntan a falla de política industrial por parte da Xunta, “en mans do PP, que ten colocado a industria da comarca nunha situación de total desamparo e abandono”.

O sector naval en risco de desaparición

Para a CIG adquire unha “importancia dramática” a situación límite dun sector estratéxico para a industria viguesa como é a construción e a reparación naval. “Non esaxeramos cando alertamos de que corremos o risco real de que o sector naval de Vigo, tal e como coñecemos, acabe desaparecendo”.

Trátase dunha actividade que chegou a representar preto de 10 mil postos de traballo, e que exerce unha imprescíndíbel forza tractora para mobilizar e activar a industria auxiliar ligada ao metal.

“Estamos a presenciar en directo o naufraxio do sector naval. Temos o antigo Vulcano nu caleixón sen saída, por culpa da brutal campaña antinaval emprendida polo PP desde a Autoridade Portuaria, para converter un estaleiro centenario nunha prolongación da terminal de contedores. E a Barreras, o principal estaleiro privado do estado Español, nun punto crítico, coas gradas paradas e sen carga de traballo á vista”.

Intervención pública directa

Neste sentido, dende a CIG insisten en que o futuro de Barreras, e por extensión do conxunto do sector naval, non pasa por seguir a meter máis e máis diñeiro público no peto dos accionistas privados. “A experiencia historica dinos que a solución para saír deste permanente día da marmota non é esa”.

Por iso urxe unha intervención pública directa. “Diante da incapacidade do capital privado para poñer en marcha as enormes potencialidades do sector naval, blindar o futuro desta actividade estratéxica esixe dotar a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, no que toda achega de diñeiro público estea condicionada á participación directa da toma de decisións. Temos que romper esta espiral de fiascos. De promesas incumpridas. De crises cada poucos meses”.

Finalmente, insisten en que para evitar o risco de que o naval desapareza, co que iso suporía de golpe definitivo para o conxunto da industria, é preciso tomar o control dende o público, tal e como están a facer noutros países, como Francia ou Escocia.

“É momento de dar un paso á frente, e de esixir dos Gobernos galego e español solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e
do emprego no sector naval de Vigo”.

También te puede interesar