O BNG de Vigo acusa o Concello de Vigo de conceder « a dedo» 8 de cada 10 subvencións e «non a través de procesos transparentes e de libre concorrencia».
Segundo o voceiro municipal do Bloque esta é unha das conclusións do Informe do Consello de Contas de Galicia, coñecido hoxe. O mesmo recolle o resultado da fiscalización das contas do Concello de Vigo, correspondentes a 2018.
«Sen resposta» do Goberno local
Xabier P. Igrexas interpelou esta mañá, na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, o Goberno pero, asegura, non obtivo resposta de ningún dos seus membros.
O rescate do Auditorio «costou 35,2 millóns» aos vigueses
Igrexas cualifica de «graves» algunhas das conclusións e advertencias recollidas no informe do organismo supervisor. En primeiro lugar, sinala, o Consello de Contas «vén confirmar que a operación de rescate do Auditorio Mar de Vigo foi un negocio ruinoso para a cidade«.
Neste sentido, apuntou que os 35,2 millóns de euros que houbo que destinar a esa operación supuxeron o incumprimento da regra de gasto e do déficit.
Exactamente, o informe do Consello di «a liquidación orzamentaria do exercicio 2018 pon de manifesto que se incumpre o obxectivo
de estabilidade orzamentaria». E engade que o exercizo de 2018 acabou cun déficit de de 6.609.945,80€.
«A causa do incumprimento foi a aplicación do importe da liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e explotación do Auditorio-Pazo de Congresos por un importe de 35.214.290,04 euros«.
Segundo o Consello de Contas, «polo mesmo motivo, tamén se incumpre o obxectivo da Regra de Gasto» do exercicio 2018. En concreto, apunta, «superou o límite máximo de gasto non financeiro […] na cantidade de 18.514.737,77euros»
Para o BNG esta é a consecuencia do modelo «privatizador» impulsado para a posta en marcha do Mar de Vigo. A este respeito, Igrexas lembra como «Feijóo e Caballero rivalizaron até o final para ver quen lucía máis na foto da inauguración e que nome ía antes na placa«.
Falla «estrutural» de persoal municipal
Igrexas tamén considerou «moi preocupante» a advertención do Consello de Contas en relación a estrutural falla de persoal municipal que supón unha evidente limitación para o estrito cumprimento da normativa e a adecuada xestión dos recursos públicos.
Outro dos aspectos sobre os que o portavoz municipal nacionalista defende que o Goberno de Abel Caballero debe «dar a cara» e acusa ao Concello de Vigo de conceder «a dedo» 8 de cada 10 subvencións, «con carácter nominativo, e non a través de procesos transparentes e de libre concorrencia como marca a lei».
«Abuso de contratos menores»
Por último, Igrexas remarca a advertencia do Consello de Contas no relativo ao «evidente abuso dos contratos menores» por parte do executivo local, e que ten motivado reiteradas críticas do BNG no Pleno. A este respeito, o informe sinala expresamente que moitos destes contratos poderían estar subscritos de xeito «contrario a dereito», xa que ao ser gastos previsíbeis deberan licitarse a través de procesos de contratación abertos.
«O que nos di o Consello de Contas e do que non quere falar Abel Caballero é que na xestión económica do Concello hai moitas sombras. Luces, apenas as do Nadal«, remachou.