Ciencia y Tecnología Galicia

O Parque das Illas Atlánticas entra a formar parte dos humedais máis importantes do mundo

Este espazo de 8.480 hectáreas é un exemplo representativo, raro e único dun tipo de humidal natural

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia entra na Lista Ramsar, a Listaxe de humidais de importancia internacional. A Xunta celebra que a súa proposta de inclusión acabe de ser ratificada esta mañá polo Consello de Ministros.

Exemplo único de furnas mariñas

O Parque Nacional cumpre con varios criterios que se fixan para a identificación deste espazo como humidal de importancia internacional, como é o feito de ser un exemplo representativo, raro e único, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons.

Asemade, a gran espectacularidade paisaxística, descrita como un paisaxe de mar e pedra, defíneo como un espazo excepcional. O mesmo conta cun elevado valor faunístico e florístico, no que está confirmada a presenza de case 1.500 taxóns: 416 de flora, dos que un 61% (254) son algas, e 1.076 de
fauna, dos que un 79% (851) son invertebrados.

Aves acuáticas e diversidade de peixe e mariscos

Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e/ou animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando a abundancia de aves acuáticas e unha relevante diversidade de peixe, mariscos e outros invertebrados acuáticos.

Sete especies de flora vascular e 52 de fauna

O Parque Nacional, formado polas illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, integra unha variada vexetación, coa presenza dun mínimo de 7 especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos, algúns exclusivos.

Este espazo tamén destaca pola súa fauna, onde se constata a presenza de 52 especies (48 vertebrados e 4 invertebrados), salientando os grupos de peixes e de aves. Así, o humidal alberga de xeito regular un 1% dos individuos dunha especie en dous casos: a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o cormorán moñudo (Phalacrocorax aristolelis).

8.480 hectáreas, o 86% de superficie mariña

O Parque, que ten unha superficie de 8.480 hectáreas -das cales un 86% se corresponden con superficie mariña-, é tamén unha Área protexida do Convenio para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico Nordeste (Ospar) e espazo Rede Natura 2000.

También te puede interesar