Destacados Vigo al minuto

Marea de Vigo alerta de que hai máis de 500 inmobles en situación de ruina no centro

Na maioría dos casos son propiedade de promotoras e construtoras

Inmueble en ruinas en el centro de Vigo/vigoalminuto.com

Marea de Vigo advirte de que é preciso reforzar o programa de edificación forzosa do Concello de Vigo, “programa que dende a súa aprobación o 11 de abril de 2019 so atesora 24 inmobles, dos que se consideran só prioritarios os tres de Praza da Igrexa no Casco Vello, que non revestían risco de derruba e que mesmo tiñan actividade comercial”.

Para a concelleira Oriana Méndez, “o criterio de prioridade do Concello fronte a moitos inmobles que mesmo teñen risco de derruba, é, cando menos, discutible”.

Mecanismo para habilitar espazos singulares

Dende Marea de Vigo pídese que tanto este programa como o das ARIS sexa prioritario en urbanismo, tamén fronte a edificación de novas vivendas xa que, segundo Oriana Méndez, “abordar de xeito serio a erradicación de edificios en ruinas do centro urbano, sería unha intervención pública mesmo con prezo de vivenda regulado e controlado ante unha imparable escalada de prezos de alugueiros e vivenda nova”.

“O Concello semella pensar, na contra, que este programa só é un mecanismo para habilitar espazos singulares no casco histórico, cando o obxectivo prioritario do programa é consolidar a estrutura urbana existente nas zonas históricas e a expansión dos barrios tradicionais desta cidade, construíndo solares para completar a trama urbana nestas zonas e mellorar a súa imaxe” explica Oriana Méndez.

Edificios propiedade de promotoras e construtoras

Marea de Vigo considera “ilustrativo” que na maioría dos casos trátase de edificios propiedade de promotoras e construtoras que, segundo engade a concelleira, “deberían ter a obriga de edificar ou rehabilitar e en caso de non facelo, o Concello debería expropiar o edificio como xa permite actuar a ordenanza”.

Orfiana Méndez reclama que se traballe con adicación especial a este e outros programas que permitan incluír outras áreas tal e como recolle o mesmo, así como para dar acubillo a áreas especialmente deterioradas e de menor tamaño, co propósito exclusivo da necesaria renovación urbana para así “revitalizar as zonas afectadas creando novas actividades económicas, residenciais, comerciais coa conseguinte mellora dos espazos urbanos”.

Asociacións como ‘Vigo Baleiro’, que conta cun inventario de arredor de 500 inmobles, que se poden consultar publicamente nas súas redes sociais, “poñen de relieve a falta de vontade por parte do Goberno local á hora de afrontar a realidade urbanística da nosa cidade, deixando entrever posibles intereses nesa deixadez” conclúe Oriana Méndez.

You may also like