Comarcas Vigo al minuto

A sede da Deputación en Vigo cumpre un ano con máis de cen eventos

Carmela Silva destacou que “a sede, neste edificio cedido polo concello de Vigo, está plenamente integrada na vida diaria da cidade”

A nova sede da Deputación en Vigo cumpre este domingo o seu primeiro aniversario. A presidenta do organismo provincial cualificou hoxe de “histórico” o balance destes doce meses nos que o edificio da Rúa Eduardo Chao acolleu máis de cen actos.

Carmela Silva sinalou que a sede viguesa foi o escenario de citas de todo tipo, desde exposicións a festivais, lanzamento de proxectos, presentacións editoriais, entregas de premios, cursos presenciais e  on line, obradoiros e xornadas. Todo iso, a pesar da difícil situación sanitaria, que obrigou a pechar a sede no confinamento e a reaxustar numerosas accións.

A presidenta da Deputación avanzou que neste segundo ano que agora comeza “despregarase tamén unha intensísima programación con moitas máis accións”.

Integrada na vida diaria da cidade

Carmela Silva destacou que “a sede, neste edificio cedido polo concello de Vigo, está plenamente integrada na vida diaria da cidade“. A presidente indicou que conta con todos os servizos administrativos para que a veciñanza faga os seus trámites sen saír de Vigo, “da apoio ás persoas emprendedoras, e acolle actividades da Deputación”.

Silva subliñou que, sobre todo a sede viguesa da Deputación “é un centro de cultura, de participación social, de actos e debate de ideas en distintos sectores, de defensa e traballo pola igualdade, e de promoción do emprego, a educación, o deporte, a innovación e o talento“.

También te puede interesar