Galicia Vigo al minuto

O BNG de Vigo reclama información dos acordos do Comité Municipal de Seguimento da Covid19

A última resolución do Comité de Seguimento feita pública é do 22 de outubro

Abel Caballero Plan Ecosostenibilidad

O Bloque Nacionalista Galego anunciou este luns que se dirixirán ao alcalde para lle reclamar que informe a todas as formacións políticas con representación no Pleno dos contidos e acordos das xuntanzas que celebre o Comité Municipal de Seguimento da Covid19.

Dende o BNG demándase, ademais, diálogo de cara á definición de medidas adicionais a nivel local para enfrontar a terceira vaga do coronavirus.

“Hai moitas semanas que o Goberno local non informa”

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que o Goberno municipal “hai moitas semanas que non informa ao resto de grupos políticos e a última resolución do Comité de Seguimento feita pública no sitio web do Concello é do 22 de outubro“.

Igrexas, que expresou a súa preocupación perante a “perigosa evolución pandémica” na área sanitaria de Vigo onde xa son máis de 2.400 os casos activos, demandou “transparencia e diálogo” para adoptar as medidas adicionais e despregar os medios que sexan precisos para “robustecer a capacidade de resposta perante a terceira vaga”.

Máis de 80 propostas dende marzo

O voceiro do BNG no Concello de Vigo, reiterou ademais a súa disposición total “á cooperación co Goberno municipal desde a máxima lealdade institucional, tal e como o levamos facendo desde o inicio da pandemia”. “É momento de sumar forzas, de informar, de dialogar e de acordar, entre todos e todas para plantarlle cara a esta nova enxurrada do virus”, reclamou.

O BNG trasladou desde o pasado mes de marzo máis de 80 propostas ao Goberno local relativas á loita contra a Covid.

You may also like