Galicia Vigo al minuto

Vigo lanza unha proposta para producir hidróxeno verde dentro de catro anos

Xeraría medio millar de empregos e podería operar a pleno rendemento en catro anos, no 2025

A sede de Bouzas da Zona Franca de Vigo acolleu este xoves a presentación do proxecto, da man do seu delegado, David Regades, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do director xeral de Energylab, Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo, ademais do alcalde.

Factoría de hidróxeno verde en Balaídos

Energylab exerce de asesor técnico dun proxecto pilotado polo Consorcio da Zona Franca, que prevé implantar no polígono de Balaídos unha factoría de hidróxeno verde que xeraría medio millar de empregos e podería operar a pleno rendemento en catro anos, no 2025, logo dun investimento de 10,1 millóns de euros.

O Consorcio abonaría 4 millóns de euros e se solicitarían os seis restantes a fondos europeos. Ao efecto, o ente estatal presentou ante o Goberno de España esta iniciativa, susceptible de participar no programa que presentará España ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Next Generation EU. Regades explicou que a Zona Franca manifestou en decembro ao Ministerio de Transición Ecolóxica o interese vigués por optar a financiamento da Unión.

Servizo a PSA, transporte público e recollida do lixo

planta xeraría e subministraría hidróxeno verde a partir de enerxía solar, para dar servizo ao sistema loxístico das dez empresas instaladas no polígono de Balaídos -incluída PSA– e tamén aos servizos municipais de transporte público colectivo e de recollida de residuos.

O destino do hidróxeno renovable sería unha frota integrada por 60 carretillas das empresas do polígono de Balaídos, 10 camións de transporte de vehículos que realizan a ruta entre o centro de produción e a área portuaria, así como 10 camións de recollida de lixo do servizo urbano e 5 autobuses urbanos.

O consumo diario ascendería a 468 quilogramos de hidróxeno ao día, unhas 140 toneladas de hidróxeno renovable ao ano, que evitarían o consumo de 684.000 litros de gasóleo anuais que emitirían 1.875 toneladas de CO2, o mesmo que 340 trens Alvia Vigo-Madrid ou 120 voos Vigo-Madrid ou o percorrido anual de 35 autobuses urbanos.

500 empregos ‘sostibeis’

O proxecto abre novas oportunidades de xeración de emprego sostible e de actividade económica. A estimación de emprego neste proxecto é de 500 postos entre directos e indirectos en todo o proceso, tanto na fabricación dos compoñentes, deseño da instalación e montaxe, como no transporte de hidróxeno, mantemento e subministración.

A planta contaría cunha instalación fotovoltaica nas cubertas das naves do polígono de Balaídos, que producirían a enerxía primaria necesaria para converter a auga en hidróxeno, así como un sistema de xeración de hidróxeno (electrolizadores) e finalmente un sistema de acumulación e subministración de hidróxeno.

You may also like