Galicia Vigo al minuto

Unha sentenza firme declara nulos os servizos mínimos decretados polo Concello na folga de Bombeiros

Os sindicatos manteñen a denuncia penal contra o alcalde por vulnerar o dereito de folga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar firme a
sentenza que anula os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga dos Bombeiros, convocada en agosto de 2019.

Hai case un ano, a finais de xaneiro de 2020, o Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo considerara ilegais os servizos mínimos decretados polo Concello. O xuiz entendeu que vulneraban un dereito fundamental como é o de folga.

O Goberno local non deu marcha atrás para rexeitar o decreto municipal que obriga a traballar aos Bombeiros nos seus días libres, e presentou un recurso ante o TSXG, que foi desestimado. A xustificación foi que os servizos mínimos eran abusivos, carecían de xustificación e non foran
negociados coa representación do persoal
.

Goberno fóra da lei

Dende os sindicatos que mantiveron esta folga, salientan que a importancia desta decisión xudicial radica en que vai permitir que todos os bombeiros poidan exercer o dereito de folga. Por iso , instan os responsábeis locais a cumprir as sentenzas firmes, “porque senón incorren nun delito de desobediencia ás autoridades xudiciais”.

Ao mesmo tempo, critican a actitude da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que “hoxe mesmo se negou a dar a súa opinión sobre o asunto e limitouse a comentar que dos temas xudicializados non fala”.

Por iso, e “mentres a situación non mude”, consideran que o Goberno que preside Abel Caballero “está fóra da lei coa complicidade da Xefatura de bombeiros, cando as Administracións deben ser exemplares no
respecto aos dereitos dos traballadores/”
. Ademais, lamentan que con este xeito de proceder “poñen en risco a toda a cidadanía de Vigo”.

Denuncia penal contra o alcalde

As centrais lembran que no mes de outubro presentaron unha denuncia penal contra o propio alcalde por vulneración do dereito de folga “porque el foi a autoridade municipal que coartou e impediu o lexítimo exercicio do dereito de folga, que lexitimamente foi convocada por dous sindicatos do Concello”.

You may also like