Galicia Vigo al minuto

A Deputación achega 600.000€ para cubrir os patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro

As cubertas facilitarán que os espazos poidan empregarse, tamén, fora do horario de clases

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas administracións que permitirá abordar a cubrición dos patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro.

Estas actuacións precisan un investimento de 616.000 € dos cales a Deputación aporta 600.000 e o Concello os 16.000€ restantes.

Espazos utilizábeis tamén fora do horario docente

As actuacións previstas permitirán que os patios de ambos centros, situados á intemperie, consten dunha cuberta que permita a realización de actividades escolares e extraescolares a cuberto. Deste xeito, garántese, ademais, a seguridade e o cumprimento das normas de protección diante da Covid. A maiores, as novas infraestruturas dotarán á cidadanía dun espazo utilizable fóra do horario docente.

CEIP Balaídos, 420.000€

No caso do CEIP Balaídos, os traballos están presupostados en 420.000€. Neste colexio o proxecto contempla a cubrición da pista máis próxima á entrada. A cuberta estará soportada por columnas de formigón armado e rematada por perfís metálicos que soportarán chapas metálicas de ‘tipo sándwich’. O conxunto contará con nova iluminación, rede de recollida de augas pluviais, reposición de pavimentos e mobiliario propio.

Pintor Laxeiro, 196.000€

No CEIP Pintor Laxeiro o proxecto suporá un investimento de 196.000€. Neste centro vaise aproveitar o espazo aberto dispoñible para construír unha estrutura similar, soportada con columnas de formigón armado e rematada con chapa sandwich, aínda que cunha superficie curvada. Amais, o pavimento recibirá un tratamento con caucho continuo de absorción de impactos na zona de xogos. Tamén contará con iluminación propia, punto de rego e mobiliario.

También te puede interesar