Comarcas

Tomiño lanza a campaña “Nadal + Nadal”, con ata 3.000€ en premios mercando no comercio local

O obxectivo é dar un impulso aos negocios do concello

Este Nadal vai ser a todas luces diferente, marcado e atravesado pola situación de pandemia actual, e desde o Concello de Tomiño teñen claro que máis que nunca é necesario dar un impulso ao comercio local.

‘Nadal+Nadal’

É por isto que desde o goberno municipal acaban de lanzar “Nadal + Nadal”, unha campaña que terá como beneficiarios aos comercios de Tomiño e a aquelas persoas que realicen as súas compras neles. En cada local que participe na campaña instalarase unha urna na que os clientes que merquen nos comercios adheridos á campaña entre os días 12 e 26 de decembro poderán depositar o seu tique de compra —cun valor máximo de 100 euros—.

Ata 3.000€ en premios

O día 26 de decembro todas as urnas serán abertas no salón de Plenos da Casa do Concello e procederase ao sorteo, extraendo todos os tiques necesarios ata que a suma dos valores destes chegue á cantidade de 1.500 euros. Por cada tique premiado que apareza na lista, o Concello emitirá un vale polo dobre do seu valor, ata un máximo de 3.000 euros, e porase en contacto coas persoas premiadas.

Concurso de decoración

Coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atraente, para poder participar da campaña, os comercios de Tomiño deberán decorar os seus escaparates —ou locais comerciais no caso de non contar con este— con elementos natalicios ata o próximo 6 de xaneiro. Os comercios adheridos pasarán a formar parte dun concurso que premiará á mellor decoración, dependendo da modalidade na que estean inscritos. Os premios serán:
1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€
1º Premio Mellor local ………………………………….  500,00€
2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€
2º Premio Mellor local ………………………………….  250,00€

Os gañadores serán escollidos polo xurado dos premios, que estará conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. O veredicto será anunciado o vindeiro 30 de decembro ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.

También te puede interesar