Galicia

O teléfono gratuito para vítimas de ocupacións ilegais de vivendas, empezará a funcionar o luns

Será o 900 121 221 e tamén haberá atención on line

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Consello da Avogacía Galega (CAG) formalizaron esta mañá o seu acordo de colaboración para garantir durante un ano asesoramento especializado e gratuíto a todas aquelas persoas que se vexan afectadas pola ocupación ilegal da súa vivenda.

Deste xeito, a Xunta compromete unha partida de 27.000€ para sufragar os custos do servizo mentres que o CAG achegará os profesionais necesarios para atender por quendas todas as consultas que se reciban, tanto por teléfono como vía online.

O obxectivo é ofrecer asesoramento profesional gratuíto para que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación.

A orientación será prestada por profesionais especializados e comprenderá todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial que garden relación cos dereitos e obrigas dos afectados.

No teléfono 900 121 221

Tras a sinatura do convenio, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que a atención por teléfono prestarase a través do número 900 121 221 e estará operativa xa a partir do vindeiro luns, 7 de decembro.

O servizo telefónico será atendido entre semana en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 14:00 horas.

Ademais, a conselleira lembrou que tamén se porá en marcha un servizo de atención en liña por parte do CAG, de xeito que os interesados poderán enviar as súas consultas e preguntas cubrindo un formulario web, que será contestado vía correo electrónico polo letrado de garda nun prazo máximo de 48 horas.

También te puede interesar