Destacados Vigo al minuto

O BNG esixe ao Concello unha “posición firme” ante un novo recheo en Bouzas

Denuncia que a Autoridade Portuaria ten pensado ocupar outros 65.000 metros cadrados de costa

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar do Goberno de Vigo que despregue “unha posición firme” perante os proxectos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) e dun novo recheo de 65 mil metros cadrados de Bouzas, promovidos pola Autoridade Portuaria.

Ambos os dous proxectos fican arestora en fase de avaliación ambiental, motivo polo que o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, interpelou esta mañá o Goberno local.

O Goberno local non aclara se presentou alegacións

No Consello da Xerencia de Urbanismo, Igrexas preguntou se o Concello tiña xa formulado algunha alegación ou informe en relación á DEUP e ao novo aterramento proxectado en Bouzas, obtendo apenas unha evasiva, por boca da concelleira María José Caride, que se limitou a sinalar que inda se estaba en prazo e que o Concello estaba elaborando os informes, mais sen indicar en que sentido.

O portavoz do Bloque lembrou que en novembro de 2019, levou a Pleno unha moción, elaborada pola Plataforma de Defensa da Ría de Vigo, para expresar o rotundo rexeitamento a novos recheos portuarios e a aposta por un desenvolvemento portuario que parta da racionalización dos usos e no desenvolvemento da PLISAN. A moción resultou rexeitada polos votos do PSOE.

Actuar

“O tempo dos recheos ten que acabar. O desenvolvemento das potencialidades portuarias de Vigo non poden seguir facéndose a costa de novas agresións ambientais contra un ecosistema privilexiado como é  ría de Vigo”, afirmou. Igrexas subliñou, ademais, que na altura de 2003 “foi a acción enérxica, determinada e comprometida, do alcalde do BNG, Lois P. Castrillo” a que logrou, utilizando todos os medios administrativos e xurídicos, frustrar o proxecto de macro-recheo de 200 mil metros cadrados no Areal.

“É tempo de tomar partido e de fixar posición. É hora de actuar, de que o Concello diga claramente non a novos recheos, e que aposte en reconciliar a cidade co seu litoral e por protexer a nosa ría”.

O concelleiro do BNG instou a Abel Caballero a “deixar de poñerse de perfil” e a que exerza todas as accións ao seu dispor para opoñerse a estes proxectos irracionais que son “herdanza da nefasta xestión de Enrique López Veiga á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo”

También te puede interesar