Galicia Vigo al minuto

Marea de Vigo urxe á Xunta a que rescate a “concesión privada” do Cunqueiro

A concelleira Oriana Méndez avisa de que “o escándalo da venda do accionariado privado a un fondo inversor francés só é un primeiro paso”

Marea de Vigo urxiu este martes ao Goberno galego ao rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro e subliña que “o escándalo da venda do accionariado privado a un fondo inversor francés só é un primeiro paso”

A concelleira Oriana Méndez lembra que foi rexistrada e discutida no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei, presentada no ano 2016 por Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que deixaba claro o procedemento e os condicionantes previos que levaron a que hoxe parte substancial do Hospital Álvaro Cunqueiro estea en mans de fondos de capital especulativo.

No seu día AGE establecera o custe do rescate en 69 millóns de euros; menos da suma do que se pagou por canon no exercicio 2020 (39 millóns) e o que se pagará en 2021, (42 millóns de euros).

“Todo isto sucede porque o PP decidiu en 2010, e ante a cercana aprobación do RD-L 8/2010 polo Goberno de Zapatero, acelerar o estudo de viabilidade co claro obxectivo de garantir a entrada de capital privado na contratación da concesión de obra pública do Hospital” explica Méndez. “Este proceso foi impostado pola consultora PWC, que auspiciaba unha suposta simplificación de trámites administrativos para xustificar tal privatización” engade.

Para Marea de Vigo, “o gran erro que agora pagamos os vigueses e viguesas é que en decembro de 2010 a Dirección de Recursos Económicos do SERGAS acordou precipitadamente a adxudicación provisoria do contrato de concesión de obra pública a unha UTE formada por varias sociedades, para a realización do proxecto técnico, financiamento, construción e explotación de determinados servizos non clínicos do Álvaro Cunqueiro” matiza Oriana Méndez.

O Sergas debe comprar todo o capital da UTE que ten a concesión do hospital

Marea de Vigo considera “lóxico” que recoñecendo as empresas da UTE un pasivo non corrente asociado a débedas a longo prazo (construción do hospital) de 38 millóns e dun capital escriturado de 31 millóns (69 millóns en total) o Sergas deba acometer con urxencia a adquisición da totalidade do capital social da UTE no importe de 31.523.000 € por medio de calquera dos seus organismos ou empresas públicas (IGAPE, SODIGA, SPI, GALARIA, etc.) e análogamente adquirir por medio deses organismos ou empresas públicas a totalidade das achegas complementarias por vía de crédito que realizaron os socios á UTE por importe de 38.004.303,87 €.

“Esta acción evitaría o pago anual dun canon brutal e especialmente o control dun hospital do Sergas por parte de sociedades inversoras privadas, máis atentas a rendabilidade dos investimentos que as garantías e calidade do servizo sanitario” apunta a concelleira.

Marea de Vigo levará de novo ao Pleno unha iniciativa neste sentido como a expresada na anterior lexislatura, para o rescate da concesión privada e a xestión pública directa de todo o complexo hospitalario. “É preciso extirpar a participación privada na xestión e control do Hospital Álvaro Cunqueiro, estamos seguras de que este cambio accionarial seguramente non sexa o derradeiro, e veremos por tanto novos capítulos especulativos” conclúe Oriana Méndez.

También te puede interesar