RGPD - Cookies
Comarcas

A Deputación inicia a súa campaña para «mudar o mundo» por medio dos xoguetes

Carmela Silva,subliña que «o que aprendemos de nenos e nenas marca a posición que imos ter ante a vida»

«Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo» é o lema da nova campaña, a sexta, coa que a Deputación de Pontevedra quere fomentar a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas durante este vindeiro Nadal.

O que aprendemos de [email protected] marca a posición que imos ter ante a vida

Unha campaña «dinámica, atrevida e fermosa» coa que, como sinalou a presidenta Carmela Silva, a institución quere incidir no feito de que «o que aprendemos de nenos e nenas marca a posición que imos ter ante a vida» e, polo tanto, busca promover «que as nenas e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar porque os coidados, que sempre estiveron en mans das mulleres, son este ano de pandemia o centro de todo».

Que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario

A campaña está deseñada pola ilustradora Luz  Beloso mentres a escritora Isabel Blanco é a autora do concepto e dos textos. A imaxe amosa a unha nena lendo, outra cun xogo de construción e a un neno que lle da de comer a un osiño de peluche.

A campaña tamén está centrada na idea de que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario. «Desde o nacemento comezamos a dicirlle ás  nenas que elas son as que van coidar ao regalarlles xoguetes e xogos dedicados ao coidado: cociñas, vasoiras, fregonas, ou traxes de enfermeiras, reflectiu Carmela Silva, mentres que a eles lles agasallamos con bicicletas, motos, superheroes ou xogos de construción. Esta campaña quere rachar con iso. Queremos  que as nenas xoguen con todo e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar. Porque coidar é fundamental». A presidenta lembrou que nesta pandemia «fomos as mulleres as que seguimos teletraballando, pero tamén no 75% coidando a nenos e a nenas, a maiores, e a persoas dependentes».

«O xogo, o xoguete non só é un instrumento de lecer –engadiu-. É un instrumento de educación e crea pensamento. Se educamos ás nenas e aos nenos con xogos, xoguetes e cores diferentes, uns e outras entenderán que o seu papel na vida é un determinado, non aprenderán poden ser todo aquelo que desexen ser».

Carmela Silva citou a María Montessori ao sinalar que «non existe ningún home ou muller que non se formase a partir do neno ou da nena que foi algunha vez». «Así que para ser mulleres e homes igualitarios e igualitarias e que apostemos porque todos teñamos o mesmo dereito, temos que ser ese neno e esa nena que aprende dende a igualdade –sinalou-.  Esta campaña quere cambiar o modelo no que vivimos porque como xoguemos e como sexan os nosos xoguetes marcará como imos ser na vida e o noso comportamento».

Presenza nos comercios e un audiovisual

Amais dos carteis, que se van repartir nos concellos para colocalos nos comercios, a campaña conta cun audiovisual elaborado por Regalamúsica, cuxos representantes Javier Abreu e An Táboas, estiveron presentes no acto celebrado hoxe na sede da Deputación en Vigo.

Este vídeo vaise proxectar nas pantallas dos autobuses da empresa Vitrasa, e en dous dos vehículos tamén se colocarán vinilos da iniciativa ata o 7 de xaneiro.

A campaña complétase con cuñas de radio e publicidade nos medios on e off line, co fin de «chegar a todas as familias da provincia», como sinalou Carmela Silva.

Isabel Blanco, pola súa banda, destacou a campaña como «imprescindible, porque mirar o mundo desde a perspectiva de xénero é miralo dende a igualdade para crear un mundo mellor». A escritora exemplificou a mensaxe da iniciativa cun conto da súa autoría sobre a historia de dous irmás xemelgos, Margarida e Xoán, que ven como as mochilas do futuro da súa vida están cargadas de moi diferente maneira, a dela sempre con moito máis peso.

Finalmente, An Táboas, de Regalamúsica, fixo fincapé en que o audiovisual quere reflectir a idea principal de «xogar, e ao mesmo tempo, non perder de vista a mensaxe tan necesaria da igualdade, que os nenos e nenas aprendan desde pequenos e teñan claro que son iguais». «Entre todos poderemos conseguir un mundo mellor con campañas como esta», afirmou.

También te puede interesar