Comarcas

O Centro de Acollida de Animais (CAAN) da Deputación supera as 500 adopcións

Desde 2015 o total é de 2.500

A maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, así como de visibilización dos animais, explican que desde 2015 supoñen 2.500 cans e cadelas adoptadas

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue a ter un 2020 «de récord». Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa lograron superar os 500 cans e cadelas adoptados que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar.

Adopcións suspendidas dous meses

As cifras que amosa o centro de Meis cobran aínda máis relevancia tendo en conta que os procesos de adopción estiveron suspendidos entre o 14 de marzo e o 11 de maio polo confinamento derivado da pandemia da Covid.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar estes datos cando aínda queda un mes para que remate o 2020 e subliñou que «a maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, e de visibilización dos animais explican este aumento. Desde 2015 levamos xa preto de 2.500 animais adoptados non só na provincia, senón noutros lugares de Galicia, do Estado e incluso do estranxeiro, especialmente Portugal».

Esta boa nova únese tamén ao menor número de recollidas nos concellos adheridos ao servizo no que vai deste 2020 e que se sitúan en 1.052, cando o ano pasado foron un total de 1.332. Hai que matizar, amais, que da citada cifra a metade dos animais foron recuperados polos seus propietarios e propietarias, concretamente 308 cans e cadelas foron recollidos no mesmo lugar do aviso da súa aparición, e outros 205 nas propias instalacións do CAAN.

O centro de acollida presta servizo a 50 concellos da provincia. Hai que lembrar que as adopcións son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.