Galicia Sucesos

Aumenta o numero de galegas vítimas da violencia machista

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.767 denuncias por violencia de xénero, un 3,6 % máis que no mesmo período do ano pasado

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.767 denuncias por violencia de xénero, un 3,6 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.705.

A maioría dende a Policía

A gran maioría (1.397) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. O número de mulleres que aparecen como vítimas tamén incrementa, pois entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2020 contabilizáronse 1.764, fronte ás 1.525 do ano pasado nas mesmas datas, o que supón un crecemento do 15,7 %.

Influencia do ‘Estado de Alarma’

Para analizar os datos compre ter en conta a incidencia da crise da Covid-19 na Administración de Xustiza, sobre todo nos meses anteriores ao período analizado, os máis afectados pola declaración do ‘Estado de Alarma’. Como consecuencia do fin do confinamento e o levantamento da suspensión dos prazos procesuais, no terceiro trimestre do ano rexistrouse un aumento interanual na maior parte dos indicadores que miden a actividade dos xulgados na súa loita contra a violencia de xénero.

Galicia por baixo da media do Estado

Galicia, con todo, seguiuse mantendo como unhas das comunidades coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, cun cociente de 12,6 persoas, fronte ás 17,2 de media estatal.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia medraron os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. Se no terceiro trimestre de 2019 optaron por esta opción 84 mulleres, este ano fixérono 364, o que supón o 20,6 % das vítimas, un 333,3 % máis que en 2019.

Máis ordes de protección

Durante o terceiro trimestre do ano solicitáronse 595 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 536 de 2019, o que supón un aumento do 11 %. Das 595 adoptáronse 368, un 62%.

88% de condenas

O 88 % das 233 persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por riba da media estatal, que foi do 75,12 %.No período estudado axuizouse un menor por este tipo de delitos.

O número de vítimas menores tuteladas durante o trimestre analizado foi de 9. Este indicador permite coñecer o número de fillos e fillas menores das mulleres maltratadas que son tamén vítimas da violencia machista.

También te puede interesar